Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informará o vindeiro martes en Burela aos afectados polas vivendas sociais de Foxo

BURELA .- A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, anuncia que responsables da Consellería de Vivenda informarán o vindeiro martes 9 de decembro ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Concello aos afectados polo plan sectorial de vivenda protexida que a Xunta ten previsto realizar na zona de Foxo. Cando considera que “este plan pretende mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do noso concello e poñer en circulación solo residencial para construír vivenda protexida, vivenda para todos e a prezos asumibles. E para iso fíxose un estudo rigoroso por todo o país coa intención de delimitar zonas onde é necesaria esta vivenda e Burela como vila en crecemento que é resulta ideal para emprender este plan e dotarnos de vivendas protexidas para que os nosos mozos e mozas e todo aquel que o necesite poida optar a unha vivenda digna e a un prezo razoable”.

Parón da iniciativa privada

A edil nacionalista engade que “é unha oportunidade ante a crise económica e financeira mundial para as familias, para que as persoas que teñen máis dificultades e para que as que teñen rendas medias poidan acceder a unha vivenda sen que iso implique un esforzo superior ao 30% dos seus ingresos, como ven acontecendo na actualidade. É tamén unha oportunidade para o sector empresarial porque é evidente que a execución do plan contribuirá a xerar actividade económica e a manter moitos postos de traballo no sector da construción. En definitiva é unha oportunidade para Burela porque vai supoñer desenvolver solo para vivenda protexida para os veciños nun momento de parón na iniciativa privada”.

Neves Cando considera que “desde Vivenda mantivéronse xuntanzas con este Concello para informar, apostar e suxerir áreas de actuación e o resultado final é esa zona de Foxo que abrangue unha superficie de máis de 50.000 metros cadrados onde se prevé construír 219 vivendas, das que a maioría serán de protección autonómica é dicir protexidas para as rendas medias e ás que poderán acceder as familias con ingresos que superen os 3.300 euros mensuais, que é o nivel de ingresos do 85% da poboación galega”.

Críticas ao PP

A concelleira de Benestar Social non entende e amósase sorprendida pola actitude do PP de Burela “opoñéndose a que se fagan estas vivendas protexidas e pronunciándose en contra destas políticas sociais e en contra dun novo urbanismo racional e de calidade para os nosos veciños. En lugar de apoiar estas medidas prefiren favorecer os intereses dos que fan vivendas a prezos desorbitados apoiando o negocio duns poucos e amparando a especulación urbanística do solo que encarece a vivenda”. Cando entende “a preocupación dalgúns veciños propietarios de solares da zona e por iso estamos informando desde o primeiro momento e día a día aquí no Concello de maneira rigorosa e clara a todos aqueles que o solicitan e por iso está convocada esa xuntanza para o vindeiro martes”.

A concelleira do BNG manifesta que “o PP di que vai informar aos veciños pola desidia do Concello e de Vivenda e vou comentar dúas cousas. En primeiro lugar espero que o PP informe ben, sen manipular e sen crear alarma social inxustificada e que teñan máis coñecemento deste plan sectorial do que tiña o seu voceiro municipal a pasada semana que aínda non coñecía moi ben a zona marcada por dito plan para Burela. E en segundo lugar, non é certo que non se estea a informar aos veciños porque están a recibir toda a información que nos demandan. Ademais quero lembrar que Vivenda dixo que a intención é acceder á totalidade dos terreos de mutuo acordo cos propietarios ben por compra ou por permuta de solo bruto por solo urbanizado con destino a vivenda de prezo taxado”.

Exit mobile version