Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión municipal de planificación lingüística presentou o modelo Burela á Garda Civil

BURELA .- O capitán Luís Álvarez Vázquez e o sarxento José Antonio López Fernández, en representación do destacamento da Garda Civil de Burela, recibiron de mans do alcalde, Alfredo Llano, unha copia do Modelo Burela de planificación lingüística. O acto foi unha nova convocatoria das sesións de encontro dunha comisión municipal coas entidades sociais e celebróuse na sala de xuntas do Concello hai uns días.
Nesta ocasión, a comisión municipal (integrada polo alcalde, Alfredo Llano, a Tenente-alcalde, Neves Cando, a concelleira delegada de Educación, Lucía Bouza, os concelleiros do PP, Cristóbal Edrosa e Luís Miguel Pedre e o profesor Bernardo Penabade)  recibiu unha representación do destacamento da Garda Civil de Burela encabezada polo capitán Luís Álvarez Vázquez. Ambas partes estudaron as posibilidades de colaboración do corpo de seguridade na aplicación do Modelo Burela.
Durante o acto, o profesor Bernardo Penabade agradeceu a presenza da Garda Civil no acto de presentación do proxecto lingüístico e comparou a súa boa predisposición coa labor realizado polo Comisario Xefe da policía de Galiza, Luís García Mañá.

Tradición de iniciativa cultural
Penabade lembrou tamén que, segundo consta no Arquivo Documental de Burela, o primeiro texto de carácter relixioso escrito en galego na localidade de Burela foi redactado precisamente por un membro da Garda Civil da localidade. Manuel Campos, na actualidade en situación de reserva, compuxo en idioma galego diversos escritos, entre eles o recordatorio da Primeira Comunión da súa filla, María da Paz Campos, que na actualidade é docente no Colexio Público Virxe do Carme. Tan importante documento foi realizado en 1974.

Primeiros avances
Pola súa parte, Lucía Bouza, concelleira delegada de planificación lingüística, destacou a boa disposición da Garda Civil para participar nesta serie de encontros bilaterais entre o Concello e as diferentes entidades sociais, co obxectivo de implantar o Modelo Burela “a proposta foi recibida coa mellor das disposicións e incluso tivemos noticia de determinadas inciativas xa realizadas. A Garda Civil de Burela xa empregou, de maneira oficial, a lingua galega nas cerimonias de celebración da súa patrona nos anos 2007 e 2008. En breve, os discursos pasarán a ser patrimonio local ao ser cedidos ao Arquivo Documental de Burela”.

Exit mobile version