A MARIÑA .- O responsábel do sector do mar do sindicato CIG, Xavier Aboi, e o responsábel de negociación, Xesús García Couso, denunciaron a situación “de escravitude” na que se atopan mariñeiros indonesios que traballan para barcos con bandeira española ou con intereses españois. Aboi apuntou directamente a empresas que “trafican con carne humana” e acusou á administración galega e estatal por permitir a existencias de contratos baixo estas condicións, según publica o xornal dixital Avantar do sindicato CIG e recollen outros medios como Galiciae, La voz de Galicia, ou El Pais .
FONTE: Avantar
Empresas intermediarias ofrecen contratar traballadores dende 300 euros e sen seguro de accidente
CIG Mar denuncia a situación de “escravitude” dos mariñeiros indonesios que traballan en barcos españois
O responsábel do sector do Mar da CIG, Xavier Aboi, e Xesús García Couso, responsábel de negociación colectiva da Federación, denunciaron a situación “de escravitude” na que se atopan os mariñeiros indonesios que traballan para barcos con bandeira española ou con intereses españois. Aboi apuntou directamente a empresas que “trafican con carne humana” e acusou á administración galega e estatal por permitir a existencias de contratos baixo estas condicións.
08-12-15 CIG-Mar
Xavier Aboi e Xesús García Couso denunciaron as condicións de traballo ás que están sometidos os traballadores indonesios embarcados en barcos de bandeira española.
O responsábel de Mar da FGAMT, Xabier Aboi, compareceu en rolda de prensa para denunciar a situación na que se atopan os miles de mariñeiros indonesios que traballan para barcos españois ou con intereses españois. Aboi mostrou a denuncia presentada ante a Inspección do Traballo na que se recollen parte dos datos obtidos na investigación levada a cabo pola central e que demostran a existencia de contratos cuxas condicións son ilegais segundo o ordenamento xurídico español.
Aboi falou de firmas que “trafican con carne humana” como Shipopesca, con sé en Xove, ou Spain Total Quality, en Vigo. Ambas compañías ofrecen traballadores indonesios a prezos situados moi por debaixo do salario mínimo estabelecido pola lexislación e con táboas salariais diferentes en función da nacionalidade de orixe do traballador.
“Estamos ante unha verdadeira mafia nos peiraos permitida e amparada polos gobernos de turno. Non hai que esquecer que o embaixador de Indonesia estivo en San Caetano hai uns anos e se permitiu que entraran sen ningún control tripulantes indonesios”. Situación que, indicou, se ten agravado nos últimos anos e mesmo se ten dado “unha guerra de prezos” entre as firmas contra a que as Consellería de Traballo e Pesca non teñen promovido nin unha soa acción.
Salarios por debaixo do mínimo
As intermediadoras ofrecen contratos de mariñeiros dende 300 euros, sen contemplar a cotización á Seguridade Social, que se pretende substituír co pago dun seguro de saúde ou accidente. No caso concreto de Total Quality aparece reflectido que o “cliente entregará entre 300 e 500 euros por tripulante” para responder aos gastos de xestión e que o seguro de accidentes vai a cargo do contratante.
A este respecto, Xavier Aboi mostrou como exemplo un contrato de traballo no que aparece unha cláusula na que queda convido que no caso de accidente se pagará a cantidade de 225 dólares ao traballador cun máximo de 8 meses.
Dende CIG-Mar criticouse duramente á Consellería de Traballo, á Inspección, a Pesca e ao Ministerio de Traballo e Inmigración por ignorar as manobras destas empresas e permitir “unha situación de escravismo de tal magnitude”. “A CIG non quere ser cómplice desta situación, estes empresarios son delincuentes, pero hai quen llo permite, e eses tamén son delincuentes”, afirmou Aboi.
Empresas en Burela e Vigo
O responsábel de CIG-Mar denunciou a existencia doutras empresas que operan do mesmo xeito en Vigo e Burela. No caso da cidade olívica, o 80% do “mercado” de mariñeiros procedentes de Asia están en mans de Crewnova. No ano 2006, segundo indicou Aboi, esta firma facturou 600.000 euros sen ter ningún empregado en nómina, mentres que no 2007 presentou unha facturación superior a 1.700.000 euros.
En Burela, Aboi denunciou que os altos cargos da propia patronal de armadores teñen creado dúas empresas Nautae Burela S.L. e Servixestión Burela S.L. que xunto a Crewnova e Shipopesca se reparten “o mercado”.
“O que está pasando en Burela é de auténtico escándalo”, afirmou Xavier Aboi, quen destapou a existencia de 6 pisos en Burela e San Cibrao nos que Nautae e Servixestión teñen“metidos como gando” aos tripulantes indonesios, aos que se encargan de levarlles a comida feita ou “o arroz en crú”, que os propios traballadores teñen que pagar, xunto co alugueiro.
Aboi tamén deu conta da existencia de ameazas por parte destes intermediarios a aqueles empresarios do sector do mar que teñen contratados indonesios baixo as mesmas condicións que os mariñeiros galegos, pois “supón un mal exemplo”.
“Non estamos dicindo que os traballadores indonesios non teñan dereito a traballar, o que pedimos é que teñan as mesmas condicións que os galegos e se acabe con estas mafias dunha vez por todas”, concluíu Xavier Aboi.