RIBADEO .- Chega a Ribadeo a campaña Xogamos en igualdade que promove a Secretaría Xeral de Igualdade para concienciar sobre o uso non sexista de xoguetes. Segundo a concelleira de Educación, Mariluz Álvarez Lastra “a iniciativa, que aposta por fomentar o xuízo crítico fronte á utilización sexista dos xogos, quere concienciar sobre o uso e consumo dos xoguetes de forma racional e sobre a importancia dos mesmos na promoción de valores, ademais de destacar a importancia de ofrecer modelos para unha educación na igualdade”.
Os materiais desta campaña distribuiranse durante o Nadal en comercios e centros de atención á primeira infancia. A edil nacionalista lembra que “o xogo é unha actividade que vai conformando a personalidade de nenos e nenas, posto que xogando desenvolven as súas capacidades psicomotoras, cognitivas, afectivas e sociais, e adquírense esquemas de conduta práctica que desenvolven actitudes e permiten aprender a vivir imitando modelos e pautas de comportamento. Por iso, o xoguete ten un papel fundamental como instrumento educativo neste desenvolvemento, e nesta etapa de socialización é fundamental que non se utilicen para reproducir roles e estereotipos sexistas, axudando no camiño da construción dunha sociedade máis igualitaria”.
Álvarez Lastra engade que “con esta campaña ofertanse modelos para unha educación na igualdade, ao tempo que se aposta por fomentar o xuízo crítico fronte á utilización sexista dos xogos. Con esta iniciativa tamén se pretende contrarrestar a presión que exercen sobre os nenos e nenas e os seus pais e nais as campañas publicitarias en todos os medios de comunicación, especialmente cando se achegan as festas do Nadal”.
Está previsto que se peguen carteis nos comercios, xogueterías, librerías e na Escola Infantil de Ribadeo. Mariluz Álvarez Lastra considera que “estes materiais son moi gráficos e atractivos para os cativos e cativas e acompáñanse con mensaxes respecto do uso dos xoguetes, dirixidas fundamentalmente ás persoas adultas”.