BURELA .- Mañá 5 de novembro comeza a terceira edición do programa Aprender para educar que organizan a Concellaría de Benestar Social, a través do servizo de educación familiar, e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Segundo explicou Neves Cando “organizamos este programa para reforzar o papel que xogan as familias na formación dos seus fillos e fillas sobre todo nos primeiros anos da súa vida e até que conforman a súa personalidade. Os obxectivos básicos son ofrecer aos pais e ás nais formación para coñecer o desenvolvemento evolutivo dos seus fillos e fillas e tamén fortalecer e mellorar as relacións nas familias e coñecer os procesos de ensino-aprendizaxe e todo isto no seo dun grupo de persoas que poderán compartir sentimentos e experiencias para que as nais e os pais poidan coñecer as súas actitudes, melloralas e tamén adquirir estratexias que lles faciliten a prestación da axuda eficaz e necesaria ás súas fillas e fillos”.
A primeira charla será mañá e leva por título Decálogo para pais e nais despistados e abafados será pronunciada por Juan Antonio Pinto, licenciado en Historia e mestre de Preescolar na casa. Cando di que “falará das pautas xerais á hora de poñer límites ás demandas dos máis pequenos e pequenas, das rutinas diarias e necesarias para que adquiran uns hábitos e sexan máis autónomos”.
A segunda conferencia será o 19 de novembro. Será pronunciada por Andrea Galego, doutora en medicina familiar e versará sobre A familia como modelo de adicións. A edil nacionalista asegura que neste caso “abordarase a problemática do tipo de vida que lles estamos ensinando a levar aos nosos fillos e fillas en relación co mundo das adicións”.
O 3 de decembro continuará o programa coa conferencia Todo un mundo de emocións na educación afectivo-sexual que pronunciará Cristina Lerma, mestra e pedagoga do IES Macías Namorado de Padrón. Neves Cando conta que “nos ensinarán a responder aos ques e aos porqués dos nosos fillos dunha maneira natural e confiada”.
O 17 de decembro será tempo de falar da Coeduación e revisión dos modelos masculinos, a cargo do colectivo Homes Galegos pola Igualdade. Segundo a edil de Benestar Social “revisaremos os cambios que se están dando na sociedade en canto aos roles masculino e feminino e nós coma parte desa sociedade temos que asumir o reto de educar aos nosos fillos na igualdade”.
O programa Aprender para educar continuará en xaneiro o día 7 coa charla Resolución dos conflitos e intelixencia emocional na que falará Carme Loureiro, profesora do IES Illa de Arousa que repetirá o 21 de xaneiro para analizas as Pautas de conduta, dereitos e deberes dos e das adolescentes. “Veremos a maneira de abordar entre todos as estratexias de prevención para superar situación conflitivas dun xeito positivo e os deberes e non só os dereitos coma tema fundamental”, engade Neves Cando.
Todas as charlas serán ás 19:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Haberá servizo de gardería para que os pais poidan deixar aos seus fillos e participar con tranquilidade neste programa.