Site icon Crónica3.com A Mariña

Tempos de mediocres e chupatintas

Otero Regal
Ás veces, como espectador acérrimo, fíxome en certos comportamentos humanos que non sei moi ben se veñen dun subconsciente colectivo amarrado á herdanza do franquismo ou, pola contra, viaxan connosco desde tempos inmemoriais. Trátase das bambalinas de feitos que acontecen, de interioridades onde se prepara unha realidade cociñada máis amable, da intimidade máis dura de onde logo emerxerá o acto ou a noticia social xa listos para o mercadeo.

Seguro que vostedes coñecen eses síntomas nos seus lugares de traballo, nas súas oficinas, nos seus barrios, no diminuto ámbito de onde, en teoría, un tiña que proxectar o seu mellor comportamento para logo ensanchalo en aventuras máis grandes. Pero ás veces non é así, e atoparase con que o seu mando intermedio, o funcionario de turno, o político mediocre por pór  exemplos, é unha mala lotería que lle caeu en desgraza, cuxa mera ambición é a colección de medallas pouco éticas que irá gañando á súa costa; á de vostede. Ou o discurso cínico de ideas, moitas veces herdadas de verdadeiros ideólogos, pero que se pervierten en quen as utilizan para o seu propio lucro, sen haber interiorizado o que de esenciais levan e, polo tanto, razón inescusable para levalas á práctica, aínda que o seu cinismo inesgotable sempre queda nun banzo máis abaixo.

Vostedes comprobarían, tamén, que o mando intermedio, verbigracia, teñen unha personalidade pueril e reversible. Por unha banda humíllase e dobra cadrís ante o patrón ou mandamais con parsimoniosa elegancia e non poucas tragadeiras; polo outro, con todo, saca o lobo fascista e perdón os lobos, que leva dentro e acaba fincando as fauces rencorosas na pel indefensa dos seus subordinados. Prodúcese como un trastorno bipolar, ou unha hipocrisía, digna dun estudo parsimonioso e científico. E desta prole de acomodados, vexetativos e eminentemente conservadores militen ou non en sindicatos e partidos de esquerda ou nacionalistas; aparte de imprevisibles na arte do engano, non se pode esperar coraxe empático, nin solidariedade, nin predisposición para unha mellora substancial que beneficie a todos. Non son éticos, nin persoas boas, nin candidatos espontáneos para a colaboración en equipo.

Ben, pois se isto sucede diariamente en ámbitos pequenos como e a nosa bisbarra, que mellor coñecemos e mais preto sufrimos, sen visos de modificación porque moitas veces non son perceptibles á galería e cócense en actos sublimes case escondidos da realidade, como nos imos a embarcar en ideais máis grandes, dos que con facilidade se nos enche a boca, pero que con todo partimos con carencias profundas en valores mínimos dos que tiñamos que estar de acordo?

Exit mobile version