Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo quere actualizar as taxas aplicándolles a suba do IPC

RIBADEO .- Na comisión informativa de facenda e contas prevista para esta tarde no Concello de Ribadeo verase a modificación das ordenanzas fiscais para 2009. Segundo anuncia, o edil Vicente Castro, “ás taxas váiselles aplicar a actualización do IPC interanual. Entendemos que dada a situación económica do Concello é un exercicio de responsabilidade manter das taxas actualizadas para evitar que ocorra o que pasou en exercicios anteriores cando houbo que facer algunhas subidas drásticas nalgúns servizos”.

Castro engade que “aínda que algunha das taxas e dos servizos que se prestan tiñan que subir por enriba do IPC desde o goberno municipal entendemos que a situación económica actual é difícil e polo tanto decidimos propoñer exclusivamente a actualización do IPC”.

Na comisión de facenda tamén se analizará esta tarde a conta xeral do exercicio de 2007; o regulamento de réxime interior do Hospital Asilo e a ordenanza de aproveitamento especial do dominio público local en favor das empresas explotadoras de servizos de subministros de interese xeral.

Urbanismo e asuntos xerais

Por outra banda, na comisión informativa de urbanismo e obras verase a aprobación definitiva do expediente de expropiación de terreos para o aparcadoiro de Os Castros-Illas na Devesa e a proposta ao pleno do Concello sobre o acceso ao centro urbano de Ribadeo desde a A-8, entre outros temas. E na comisión informativa de asuntos e servizos xerais vaise analizar a homenaxe a Leopoldo Calvo-Sotelo no cabodano do seu pasamento, o acordo de incorporación á asociación Villas Marineras e a adhesión á Carta Europea para a igualdade entre mulleres e homes na vida local segundo a proposta do Consello de Municipios e Rexións de Europa e a FEMP.

Exit mobile version