Nota de Prensa
MANUEL PARGA PON EN VALOR AS ACTUACIÓNS PREVISTAS NA COMARCA GRAZAS AO TRABALLO DO BNG NOS ORZAMENTOS
O deputado contrapón este traballo á “inutilidade” do PP e salienta, por exemplo, o desbloqueo do treito do corredor Ferrol Barreiros, cunha inversión que se multiplica por dez
Santiago de Compostela, 10 Novembro 08.- O deputado do BNG Manuel Parga salienta as actuacións do BNG na comarca da Mariña fronte á “inutilidade” do PP, a quen acusa de non poder aportar nada concreto en relación cos orzamentos do Estado e, en relación, cos orzamentos galegos, “semella que o señor Balseiro os descoñece en grande medida”.
Parga lembra que grazas ao BNG e ás súas emendas foi posíbel desbloquear un proxecto tan importante para a comarca como o treito do Corredor Ferrol Barreiros, na parte que é competencia do Estado (treito Barreiros San Cibrao), cunha achega de 500.000 euros.
“As emendas do BNG –engade- conseguiron incrementar a inversión até multiplicarse por dez, permitindo deste xeito pasar da fase de estudo que levaba anos se rematarse a que se licite o proxecto de execución”.
O deputado nacionalista explica que foi tamén grazas ao traballo do BNG que agora se pode falar dun avance cara a liberalización do dique norte de Alcoa, pois se conseguiu que o Estado inicie o proceso negociador coa multinacional, nun prazo de seis meses, estando prevista a súa plasmación no exercicio orzamentario de 2010.
Sobre as partidas dos orzamentos da Xunta, Manuel Parga quer recordar que a Consellaría de Vivenda, por exemplo, investirá no 2009 3,75 millóns de euros en parques empresariais e 4,8 en vivenda, e a de Industria ten previsto aportar 9 millóns para a mellora de rúas comerciais, melloras na calidade de subministracións eléctricas, axudas no turismo, en I+D+I, na industria ou na promoción da sociedade da información, centro tecnolóxico de pesca de Celeiro, gasificación, dotación de banda ancha a parques empresariais.
Segundo os dados do parlamentar, a Mariña tamén se vai beneficiar dos máis de 152 millóns de euros que a Consellaría de Medio Rural vai investir na provincia de Lugo para apoiar os sectores produtivos agrarios, para os novos grupos LIDER, para o plan de infraestructuras do medio rural do que se benefician todos os concellos así como para o fomento dunha nova política forestal e de prevención de incendios e para a incorporación de mozos e mozas ás explotacións agrarias.
No que atinxe a SOGASERSO (Sociedade Galega de Servizos Sociais), Manuel Parga replica ao PP que deberían saber que os seus investimentos son moi importantes na Mariña e non figuran nas contas da Xunta cunha partida concreta pero si participa nos mesmos a Vicepresidencia e en base a isto estáse a invertir, entre o 2008 e o 2009, máis de 7 millóns de euros na residencia de maiores de Viveiro.
Asemade, tampouco figuran nas contas con nome concreto os importantes investimentos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, nos que tamén participa a Vicepresidencia, que permitirán que no 2009 se abra unha nova galescola en Foz e se constrúa un Centro de Alzheimer na parroquia de Ove en Ribadeo.
Para Manuel Parga, dados como os expostos demostran claramente a utilidade do autogoberno e, en particular, do nacionalismo para paliar a crise económica que afecta principalmente ás clases traballadoras e á pequena e mediana empresa.
“Estamos ante actuacións que pemiten mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns da Mariña e contribuir decisivamente ao desenvolvemento económico e social da comarca, correxindo déficits históricos e dando un xiro moi positivo tanto cualitativa como cuantitativamente ás negativas políticas de investimento practicadas polo PP durante 16 anos de Goberno”.