Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG de Foz a causa das inundacións é a falta de previsión

NOTA DE PRENSA:

O BNG ACHACA OS PROBLEMAS DAS INUNDACIÓNS Á FALTA DE PREVISIÓN

O BNG xa demandara anteriormente, sen que o goberno fixera caso, que se limpasen os sumidoiros e as cunetas

O BNG de Foz advertiralle ao grupo de goberno uns días antes de que comezasen as chuvias tan fortes que sufrimos estes días pasados da necesidade de facer unha limpeza a fondo dos sumidoiros así como das cunetas en previsión das chuvias. O BNG efectuou esta demanda porque moitas persoas xa nos advertían do mal estado dos sumidoiros no que respecta á limpeza e dos posibles atascos que se producirían. Particularmente, o BNG solicitara a limpeza dos sumidoiros en zonas sensibles onde sempre que chove producense danos e inundacións como na Avenida da Mariña á altura da rúa Juan Montes, no Rego de Foz ou en Corporacións Municipais. Outro tanto sucedeu coas cunetas das pistas nas parroquias que ao estar atascadas e non deixar correr a auga desbordaronse. Se ben as chuvias caídas foron moi abundantes e de forma continuada, as consecuencias serían menores se se efectuase dita limpeza e moitos dos danos en fincas, vivendas, sotos, garaxes e locais comerciais teríanse evitado.

Outro caso similar é o que sucede nos cauces dos ríos. É un clamor popular que os ríos do concello están cheos de obstáculos que non deixan pasar as augas polo seu cauce natural. Cando veñen as crecidas os ríos desbordanse por producirse tapóns artificiais con todo tipo de materiais principalmente ramallos e troncos de árbores. O grave do asunto é que as administracións non deixan limpar os ríos, cousa que antes facían os propios veciños do entorno sabedores do perigo. Pero ademáis de non deixar limpalos as distintas administracións tampouco fan nada por limpalos polo que a situación repítese todos os anos.

O BNG volverá a instar ao Concello para que faga as limpezas de sumidoiros e cunetas así como que faga as xestións pertinentes para que se efectúe unha limpeza dos ríos do concello en condicións.

Foz a 8 de novembro de 2008

Exit mobile version