Site icon Crónica3.com A Mariña

Os grupos de oposición de Barreiros solicitan pleno extraordinario para tratar as obras da autovía

BARREIROS .- O BNG, xunto a PSOE e INDEBA, veñen de presentar a solicitude de celebración dun pleno extraordinario en Barreiros para que se cree unha comisión de seguimento das obras da autovía. Na moción aseguran que as obras da A-8 están a producir serios trastornos e alteracións na rede viaria local, coa lóxica preocupación que isto provoca entre os veciños das diferentes parroquias, que tamén ven coa mesma preocupación o problema de canalización das augas pluviais e de escorrentía nas ladeiras dos montes polos que discorre a autovía.

Viais estragados

Desde o BNG, Antonio Veiga, demanda que esas obras teñan un seguimento axeitado “para que se controlen todos aqueles estragos e incomodidades que están a producir eses traballo. A maquinaria pesada está danando moitas pistas da rede viaria local, e hai un problema moi gordo que se agravou estes días coas intensas choivas caídas que son as avenidas de auga que antes discorrían polas ladeiras dos montes e que agora se canalizan en determinados puntos aumentando a cnale dos regatos e provocando inundacións con certo perigo”.

O edil nacionalista engade que “nalgúns sitios comprobamos que quedaron camiños cortados estes días e os veciños teñen que dar unha moi grande volta para ir ás súas casas ou para ir traballar porque non se deixan as vías de servizo que había previstas. Todos estes asuntos xa llos expuxemos desde o BNG ao alcalde e ao concelleiro de Obras en varias ocasións a resposta que nos deron é que estaban en contacto coas empresas construtoras e cos responsables de Fomento, pero desde logo que non nos convenceron”.

Reunións transparentes

Antonio Veiga quere que “esas reunión se fagan con transparencia e que esas esixencias que hai que solicitar se fagan con firmeza para evitar que logo que marche todo o persoal da autovía sexa imposible rectificar os danos producidos. Agora acabamos de ter unha xuntanza co resto dos grupos da oposición para demandar a celebración dese pleno extraordinario no que se cree unha comisión de seguimento sobre as obras da autovía na que estean representados todos os grupos políticos e tamén os veciños das parroquias afectadas polas obras da autovía porque son os que mellor coñecen que é o que ocorre coa A-8 e os danos que lles está a ocasionar sobre todo cando chove intensamente”.

O concelleiro do BNG en Barreiros considera que algunhas desas obras “fixeronse con descontrol e sen o mínimo respecto cara os veciños das parroquias polas que pasa ese vial que están pasando por unha situación apurada e preocupante. O paso da autovía por esta zona pode ser unha auténtica desfeita”

Exit mobile version