CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asistirá o venres a unha reunión no concello asturiano de Santa Eulalia de Oscos para iniciar os traballos para conmemorar o bicentenario do pasamento de Raimundo Ibañez, Marqués de Sargadelos (1749-1809).
A esta xuntanza (que vai ter lugar ás 14.00 horas) ademais de Villares e do alcalde anfitrión (Antonio Riveras) tamén ten previsto asistir Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo. Segundo indicou o alcalde cervense a idea de promover unha conmemoración conxunta entre os tres concellos ao longo do vindeiro ano 2009 xurdiu dende Santa Eulalia de Oscos. “Puxéronse en contacto con nós a mediados deste mes e pareceunos unha idea interesante a de unir esforzos para celebrar este bicentenario cunha serie de actos que contribúan a resaltar a figura de Ibañez e revisar a súa importancia histórica” indicou.
A intención dos tres concellos é a de organizar e programar seminarios e actividades culturais para celebrar este bicentenario “coa dignidade que merece este acontecemento”. Para elo teñen pensado implicar a institucións coma a Armada, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias para que colaboren nos actos a desenvolver ao longo do vindeiro ano 2009.
Segundo adiantou o alcalde de Cervo, a reunión de mañá será unha primeira toma de contacto para empezar a traballar có ánimo de poder constituír unha comisión organizadora deste bicentenario, cuxo obxectivo será dar a coñecer a importancia que tivo o Marqués de Sargadelos na historia de Galicia, de Asturias e de España. “É máis que evidente a importancia que tivo Ibañez. Hai que lembrar que as Reais Fundicións de Sargadelos foron durante anos as provedoras preferentes do material bélico para a Armada de Carlos IV e que tamén desbordou o seu talento empresarial noutros ámbitos de negocio coma o da fábrica de louza, e cuxo espírito aínda pervive en Sargadelos” salientou Villares.