Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación inaugurou as XIII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro en Celeiro

NOTA DE PRENSA:

Gómez Besteiro destaca que a actividade portuaria da

Mariña “é un dos motores económicos máis

importantes de Galicia”

O Presidente da Deputación inaugurou as XIII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres as XIII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se desenvolven na sede social da Confraría de Pescadores de Celeiro ata mañá sábado. Gómez Besteiro destacou a importancia de reivindicar as posibilidades que ten o sector pesqueiro da Mariña como un dos motores económicos máis importantes de Galicia.

“Desde a Deputación de Lugo somos conscientes da importancia que ten o sector marítimo-pesqueiro non só para esta comarca, senón tamén para a provincia e toda a comunidade. Por este motivo, na viaxe que realizamos a Sudamérica presentamos ó Goberno de Uruguai os proxectos de trazabilidade nos que son pioneiros as confrarías de Celeiro e Burela, e nos que imos traballar xuntos porque neste país están moi interesados nas vosas experiencias punteiras”.

No acto inaugural, Gómez Besteiro estivo acompañado polo Delegado da Consellería de Pesca en Lugo, José Ramón Val Alonso, o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e o Presidente de “Puerto Celeiro, S. A”, José Novo Rodríguez. O máximo mandatario provincial explicou que neste marco de colaboración, e tendo en conta que Uruguai é pioneiro na certificación de praias, “a Deputación deu un paso importante ó crear un grupo de traballo co Ministro de Pesca uruguaio para certificar medioambientalmente os areais da Mariña, de yal xeito que a nosa será a primeira costa de Europa que conte con esta distinción”.

Asimesmo, lembrou que a institución provincial xa está “embarcada” na posta en marcha do Plan Estratéxico da provincia –o primeiro destas características-, no que o sector pesqueiro tamén representará o papel que merece.

Un amplo programa

Un total de 17 ponencias especializadas e cunha programación variada e multidisciplinar servirán para intercambiar opinións entre expertos, administracións e o propio pescador. O programa do simposio ten unha organización pedagóxica e unha orientación práctica, de tal xeito que o obxectivo é proporcionar información especializada en temas diversos, analizando o sector, os seus mecanismos de explotación, xestión, comercialización, etc. poñendo especial acento e énfase nas interpretacións dos problemas pesqueiros actuais.

Neste senso, Gómez Besteiro indicou: “creo que a Deputación ten razón de ser cando promove iniciativas coma esta: unha plataforma que abre novos horizontes encamiñados ós intercambios comerciais, ós contactos directos entre empresas e clientes, ás novas tecnoloxías e á innovación dentro da pesca… en definitiva, iniciativas que apostan polo futuro de Lugo con profesionalidade. É unha honra para todos que Celeiro sexa durante estes días o centro do sector marítimo-pesqueiro, o núcleo de análise dos novos retos ós que nos enfrontamos”, apuntou o responsable provincial.

Exit mobile version