Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presenta casos de lista de espera encuberta no Hospital da Costa

NOTA DE PRENSA
Socialistas e nacionalistas teñen negado a posibilidade de realizar unha auditoría sobre os tempos de demora que se rexistran no centro hospitalario mariñán
O PPdeG ACREDITA DOCUMENTALMENTE VARIOS CASOS DE LISTA DE ESPERA ENCUBERTA NO HOSPITAL DA COSTA

* Os populares traballan en novas iniciativas para poñer fin ao progresivo deterioro do sistema público de saúde na nosa comarca.

A Mariña, 1 de novembro de 2008.- O pasado xoves 30 de outubro, socialistas e nacionalistas impedían que prosperase unha iniciativa do PPdeG a través da que se demandaba que o Consello Galego de Contas elaborase unha auditoría da lista de espera que se está a rexistrar no Hospital da Costa, toda vez que os datos oficiais sobre tempos medios de demora non se corresponden coa realidade. Os populares denuncian xa non só que a lista de espera para o acceso a determinadas especialidades médicas é moito máis ampla do que no SERGAS están a dicir senón tamén, que se están realizando cancelacións masivas de citas, co pretexto de que as axendas están pechadas e de que máis adiante contactarán telefonicamente cos pacientes para determinar a data definitiva da cita. Durante este tempo estas persoas “son invisibles ás estatísticas oficiais”

Precisamente, co obxecto de demostrar que existe un amplo número de veciños da nosa comarca que forman parte do que os populares denominan como “lista de espera encuberta” desde a formación política do PPdeG acreditaron documentalmente varios exemplos con persoas que están á espera de acceder á consulta dos especialistas:

O primeiro dos documentos feitos públicos polo PPdeG -preservando a identidade do paciente- é o caso dun home que presentaba dificultades no tracto urinario e que precisaba do análise por parte do médico especialista en uroloxía. Pois ben, malia que segundo a táboa de lista de espera media no Hospital da Costa o tempo de demora nesta especialidade non supera os 80 días, o paciente do que estamos a falar está a esperar máis de 368 días pois solicitou a consulta o 18 de abril de 2008 e a cita establecéuselle para o 11 de abril de 2009.

En segundo lugar, o PPdeG, deu conta do volante de interconsulta (peticións realizadas dentro do propio centro hospitalario de Burela) correspondente a unha muller cunha sintomatoloxía coronaria complexa. A pesares desta situación, debe esperar máis de 510 días para poder someterse a unha proba diagnóstica básica para a determinación da súa sintomatoloxía, isto é, para ser sometido a un ecocardiograma.

Por outra banda, os populares deron conta dun paciente, home, operado dun triple by-pass coronario, dado de alta do servizo de cirurxía cardiobascular do Hospital Juan Canalejo da Coruña onde se lle someteu a esta complicada intervención do corazón que precisou de tres inxertos coronários, e a substitución do vaso da aorta. No seu informe reclamábaselle a revisión periódica por parte do cardiólogo de referencia, neste caso, do titular deste servizo no Hospital da Costa de Burela. O devandito paciente está verse privado da súa revisión tras serlle cancelada a cita que tiña establecida para o 22 de abril do 2008. Como acontece con demasiada frecuencia, os servizos de admisión aínda non contactaron con el para establecer unha nova data e horario de cita e o seu caso “permanece invisible ás estatísticas oficiais”.

EMPRAZAN ÁS FAMILIAS A POÑER DE RELEVO A SÚA SITUACIÓN

O PPdeG quixo exemplificar con estes tres pacientes a situación que se está producir no Hospital da Costa pero, a realidade, é moito máis alarmante, xa que existen outros moitos mariñáns en situacións similares ás descritas ou incluso peores. De feito, desde o PPdeG animan a todas as familias que se atopen nesta situación a que fagan público estes datos e, incluso, tramiten as correspondentes queixas a través dos condutos oficiais como é, o servizo de atención ao paciente.

AUDITORIA: DETECCIÓN DO PROBLEMA E PROPOSTA DE SOLUCIÓNS

“Os actuais xestores do SERGAS negan a maior. Pechan os ollos ante esta realidade e ofrecen datos oficiais que ninguén pode crer. Claro que, se socialistas e nacionalistas tiveran seguridade de que o que estamos a falar non é certo, non terían ningún reparo en admitir a posibilidade de que un órgano independente, como o Consello de Contas, poidera auditar a lista de espera que se está a producir no noso hospital para o acceso a determinadas especialidades médicas”

Desde o PPdeG lembraron que o procedemento de auditoría dos tempos de demora no Hospital da Costa non só serviría para poñer de relevo estes problemas senón que, a maiores, ofrece unha serie de recomendacións e suxestións para dar solucións aos problemas detectados. En consecuencia, “o portazo” do BNG e do PSOE a que poidamos coñecer estes datos con maior rigurosidade é tamén a constatación de que a socialistas e nacionalistas “non lles interesa corrixir estes problemas e poñer freo ao progresivo deterioro do sistema público de saúde na nosa comarca.”

Os populares manteñen o seu compromiso cos nariñáns de seguir traballando por mellorar o servizo ofrecido no Hospital da Costa e estudan novas iniciativas e medidas con este obxecto.

Exit mobile version