Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno de Ribadeo acordou o regulamento do asilo e o incremento do IPC nas taxas municipais

RIBADEO .- O pleno celebrado onte no Concello de Ribadeo acordou incrementar as ordenanzas fiscais de 2009 aplicando o IPC interanual. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “é algo que se ten feito en anteriores corporacións gobernando partidos de diferente cor política e sempre se encontrou un criterio xusto para subir cando menos o IPC”.

Foi aprobada por unanimidade a ordenanza de aproveitamento especial de dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de subministros de interese xeral. O rexedor di que “esta ordenanza é innovadora e pioneira na comarca e no conxunto do país, e suporá regular que as operadoras de telefonía móvil paguen un diñeiro ao Concello por utilizar o subsolo para desenvolver as súas actividades. Hai que lembrar que tamén pagan por este concepto as operadoras de telefonía fixa”.

Cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e a abstención de UPRI foi aprobado de xeito inicial o regulamento de réxime interior do Hospital Asilo. Fernando Suárez agradece o apoio recibido polos partidos políticos “xa que se da un paso importantisimo que nunca ata o de agora se tiña dado no sentido de darlle unha regulación para mellorar o funcionamento do Hospital Asilo. A partires de aquí poderá estar capacitado para recibir axudas da Vicepresidencia da Xunta (algo que non era posible na actualidade) e tamén da Deputación Provincial e ademais os propios usuarios poderán ser destinatarios de axudas ás que agora non tiña dereito por no estar regularizada esta situación”. O alcalde engade que con esta aprobación “tentaremos converxer nun equilibrio entre ingresos e gastos que non era posible e que moito nos temíamos que máis cedo que tarde esto de ter máis gastos que ingresos puidera ter un desenlace fatal para este hospital, para os seus traballadores e para os seus beneficiarios e sería un problema tamén para Ribadeo”.

No pleno celebrado onte foron aprobadas por unanimidade as dúas mocións presentadas polo PP sobre a solicitude ao goberno da reforma urxente da financiación local e sobre o sector lácteo e tamén as dúas mocións da UPRI sobre a recuperación da ruta do antiguo tren mineiro e sobre o arranxo da capa de rodadura da N-642 entre Ribadeo e Vegadeo.

Fernando Suárez dixo que o pleno foi extensísimo polo número de asuntos que se levaron a debate, un total de 18 e que “foron aprobados ou ben por unanimidade ou por unha ampla maioría”. A sesión plenaria durou unhas tres horas.

Exit mobile version