BURELA .- Ao alcalde de Burela, Alfredo Llano, parécelle “triste e pouco razoable que o PP votase en contra do convenio colectivo dos traballadores. Un convenio que é unha referencia para aplicar en calquera Concello. Non entendemos porque nos achacan a nós toda a responsabilidade do convenio cando os traballadores estaban representados nas negociacións que vimos mantendo desde hai meses”.
Rexistro
Llano aclara que “os traballadores seguirán a percibir a compensación polo incremento do IPC que veñen cobrando desde hai algúns anos. É algo que non vai reflectido no convenio, pero que analizou a comisión paritaria. Vano percibir coma sempre aínda que non figure na documentación”. O rexedor engade que “despois de analizar a utilización do rexistro municipal nas xornadas de sábado se chegou á conclusión de que non era moi empregado e ademais había que compensar as horas que os funcionarios facían eses días. A cuestión foi abordada na mesa xeral de negociación e alí se decidiu deixar de prestar ese servizo en sábado”.
Alfredo Llano di que “cando falan do anexo 3 do convenio, teño que dicirlles que nos axudaron a redactalo técnicos da Deputación Provincial a Remedios López Villar e a min, pero isto non é ningún secreto. Fixemos unha reforma parcial da RPT atendendo á responsabilidade e á adicación dalgúns traballadores. Non se exclúe a ninguén o único que se fixo foi mellorar algunhas situacións laborais que estaban mal”.
20 minutos para o café
O rexedor burelés sinala que “no convenio colectivo figura perfectamente o horario laboral de todos os traballadores, e paréceme unha interpretación bastante infantil dicir que teñen un tempo mínimo de 20 minutos para tomar o café. Trátase dunha referencia que establece que teñen os 20 minutos asegurados para gozarr dese tempo libre adicado a tomar o café no seu horario laboral. O tempo do café non é indefinido, só se garante que ese período será de 20 minutos”.