Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG repróchalle ao goberno de Cervo a suba do 4,5% de ordenanzas fiscais en tempo de crise

NOTA DE PRENSA:

SOBRE O PLENO ORDINARIO CELEBRADO NO CONCELLO DE CERVO O 27 DE NOVEMBRO DE 2008 AS 18.00hrs.

O PP aprobou en solitario a suba do 4,5% de 13 ordenanzas fiscais e presentou unha modificación de créditos por 495.464,68 € coa abstención do BNG.

Cervo, 28 de novembro de 2008. No pleno celebrado na tarde de onte en Cervo, o goberno municipal levaba como puntos mais destacados no orde do dia, o punto terceiro cunha modificación de créditos para facer fronte a gastos pendentes por importe de 495.464,68 € e nos puntos cuarto e quinto a modificación de 12 ordenanzas fiscais ás que se lles aplica unha suba do 4,5% e do mesmo xeito a suba da ordenanza que regula a taxa polo servizo das Escolas Deportivas Municipais (EDM) á que tamén se lle aplica o 4,5%. Ademais no punto sexto aprobouse o recoñecemento das obrigas derivadas da modificación de créditos establecida no punto terceiro por 495.464,68 € e unha moción do PP relativa ao 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia machista”

O BNG abstívose na modificación de créditos cun voto crítico pero responsábel, xa que a pesar da necesidade da modificación para facer fronte a pagos de provedores de materiais e servizos, este trámite responde á falla de traballo e incapacidade do goberno municipal ao non elaborar os orzamentos 2008 e manterse durante todo o ano coa prórroga de 2007, ano no que se elaboraron en época de vacas gordas, cunha situación financeira moito mellor na que o PP nin soubo nin quixo aproveitar as circunstancias económicas para facer fronte aos gastos que correspondería. O 68% das partidas que cambian de función estaban dedicadas a contratación de persoal laboral eventual, ao tratarse o 2007 de ano electoral no que para o PP primou a contratación clientelar sobre a contención do gasto e a responsabilidade contábel.

PARA O PP VALE AQUELO DE PRIVATIZAR AS GANANCIAS E SOCIALIZAR AS PERDAS

Nas modificacións das ordenanzas fiscais 4,5,7,9,10,17,19,18bis,20,25,29 e 33 aplicouse unha subida do 4,5%, cuestión que o BNG non estivo disposto a apoiar por considerar a suba abusiva cando a última revisión publicada a nivel estatal está no 3,6% e o galego no 3,4% que si apoiariamos. O BNG lembrou, ao igual que no punto anterior, que o goberno municipal actuou no pasado como novo rico ao malgastar os fondos das arcas municipais en época de bonanza e agora faille pagar as consecuencias da mala xestións aos cidadáns.

O caso mais sangrante viuse na suba dun 4,5% da taxa polas Escolas Deportivas Municipais, xa que se lle aplica unha subida a un servizo que nin sequera cumpre a memoria aprobada polo pleno ao non existir un servizo de transporte que formaba parte da memoria que foi esquecido dende o primeiro momento da posta en practica do servizo, neste caso os nacionalistas non apoiariamos ningunha suba.

O PP presentou por primeira vez unha moción co gallo do “Día Internacional contra a violencia machista”. Dende o BNG festexamos a chegada do PP a esta reivindicación xa que até o momento só o BNG presentaba iniciativas e propostas de actuación nos días próximos a esta triste data. Malia esta felicitación, tivemos que lamentar a falla de capacidade política dos populares ao presentar unha parte resolutiva na que se pedían cousas que xa están resoltas ou en vías de resolución; lembrando que até o cambio de goberno na Xunta de Galiza non existiu unha verdadeira preocupación e sensibilidade cara a este grave problema social.

Exit mobile version