NOTA DE PRENSA:
O BNG DESTACA QUE O PLAN SECTORIAL DE VIVENDA APORTA AO CONCELLO DE FOZ VIVENDA PROTEXIDA CUN INVESTIMENTO DE NOVE MILLÓNS DE EUROS CON NOVAS ZONAS VERDES E EQUIPAMENTOS
Para o portavoz nacionalista, Xan Carlos González Basanta, “esta iniciativa do nacionalismo, a través da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, xerará actividade económica e facilitará a creación de emprego no concello”
Foz, 19 de novembro de 2008.- O BNG de Foz define o Plan Sectorial de Vivenda da Xunta de Galiza como “unha grande oportunidade” para o concello por canto permitirá aos veciños e veciñas dispor de 238 vivendas protexidas a prezos accesíbeis máis 58 vivendas libres, e implica un cuantioso investimento de máis de 9 millóns de euros ao longo da vixencia do plan sectorial que se desenvolverá entre 2009-2017.
O portavoz nacionalista, Xan Carlos González Basanta, saudou esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que aportará a Foz novos equipamentos e zonas verdes, “creando espazos públicos de calidade dos que estamos tan necesitados neste concello”, explicou, “ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise na que estamos inmersos, á que non é allea o concello de Foz”.
O portavoz nacionalista tamén valora positivamente as bolsas de solo seleccionadas (Limoeiros, Congostra e Tras As torres), por canto apostan pola integración social, e por facilitar o crecemento ordenado do concello. “Pensamos que as bolsas elixidas acaban coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para as familias con rendas medias como as necesitadas”, explicou. Salientou ademais que “a actuación prevista no concello será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG e que neste caso se traducen en 22.000 m2 de zonas verdes e 5.682 m2 en dotacións nos que se poderán ubicar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais xunto con zonas de aparcamentos que tanto precisa Foz”. Con estas actuacións o BNG cumpre co seu programa electoral e coas demandas que lle esixíamos ao Plan Xeral en canto á construcción de vivenda protexida para o concello e do que nunca se preocupou o goberno municipal.
O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a estas iniciativas e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera ademais esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar aos concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise. O plan está a exposición pública ata o 27 de decembro no Concello de Foz. O BNG fará charlas informativas e recoller todas as suxerencias veciñais