Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros quere coñecer as causas da auga revolta

BARREIROS .- O BNG pediralles aos concelleiros de Medio Ambiente e Obras de Barreiros “un exhaustivo informe por parte do servizo de augas indicando cales son os sistemas de depuración que se empregan, cales son as eivas que presenta e con que regularidade ou frecuencia se fan as limpezas dos filtros na potabilizadora”, explica Antonio Veiga, voceiro nacionalista. O edil di que “nós en temas de seguridade e salubridade cremos que hai que ser moi cautos, por iso non queríamos facer unha valoración das condicións nas que sae a auga da traída en Barreiros desde o pasado venres ata que se restablecese a normalidade, pero vendo a lixeireza e irresponsabilidade e a falla de rigor coa que Alfonso Fuente fai declaracións pois vémonos na obriga de intervir”.

Depuradora moi antiga

Veiga Outeiro asegura que “esta situación é algo que se repite cando hai días de moita choiva, pero non é certo que sexan causas de forza maior. Iso sería unha vez, pero si se repiten cada vez que chove moito é que algo falla no sistema de depuración do servizo de augas na potabilizadora de Celeiro. Non se pode dicir que esta auga é apta para o consumo. Eu non sei si ao Sr.Alcalde lle apetece beber ou ducharse nesa auga de cor marrón; iso que llo pregunten aos veciños porque xa sabemos cal será a súa resposta. Polo tanto que non nos trate de parvos”. O concelleiro do BNG en Barreiros engade que “hai un problema de fondo, porque a estación depuradora de augas que está en Celeiro de Mariñaos é do ano 1.978 e dubidamos ou imos poñer en tela de xuízo, á vista de todo o que está a ocorrer, que toda esa maquinaria estea actualizada aos tempos de hoxe e poida depurar unha cantidade de auga moi superior á que se depuraba no 78 ou a mediados dos 90 cando se fixo a reforma da potabilizadora”.

Antonio Veiga quere que “o alcalde pida desculpas ao veciños por non dar nas debidas condicións un servizo polo que todos los veciños que viven aquí todo o ano pagan relixiosamente”. O edil nacionalista considera que “con información, transparencia e datos enriba da mesa a xente poderá estar tranquila. O demais son os clásicos brindes ao sol e agachar a cabeza e tirar para adiante, algo moi propio do PP de Barreiros e non atender aos problemas”.

Convenio da auga

Para Veiga Outeiro “é curioso que nos orzamentos municipais que o BNG votou en contra, un dos motivos era nós entendíamos que o servizo de augas dubidosamente se podía cubrir coa cantidade que se presupostou para o ano 2008 e dá a impresión de que ocorrerá o mesmo no 2009. E despois do que soubemos hai 15 ou 20 días que unha parte moi grande dos promotores non ían poñer a cantidade pactada no convenio da auga, da bastante medo e crea bastante inseguridade na poboación que é o que vai ocorrer coa depuradora e coa distribución da auga en perfectas condicións aos domicilios de Barreiros”.

Exit mobile version