Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz asegura que as areas recreativas da beira do río quedan asolagadas cando chove

ALFOZ .- O voceiro do BNG en Alfoz, Iván Marrube, acusa ao actual equipo de goberno “dunha total falta de previsión ante as inundacións que se produciron nos últimos días, xa que veñen afectando negativamente ao noso concello de xeito cada vez máis considerable cando as precipitacións caen en cantidades considerables”.

O concelleiro nacionalista asegura que “a auga en Alfoz levou o firme de moitas pistas, deixou intransitables diversos camiños e causou estragos en áreas recreativas situadas a carón da canle do río Ouro. As dúas novas áreas recreativas que se construíron este ano, con cargo aos presupostos do exercicio anterior, na ribeira do río Ouro, unha en Carballido e outra á altura de Vilaude, foron creadas sin ter en conta a súa situación e agora cada vez que a canle do río medra quedan asolagadas causando diversos tipos de estragos>.

Marrube engade que “en Alfoz cada vez que se arranxa un camiño non se teñen para nada en conta os desaugues nin as canles de auga facéndose logo cando arrecían as chuvias encoros artificiais. A proba máis notable disto podemos vela na parroquia de Carballido onde á estrada que une A Seara con San Acisclo non lle fixeron as taxeas necesarias e agora fórmase unha lagoa de case unha hectárea durante a meirande parte do inverno coas consecuencias negativas que isto acarrea para a actividade agraria dos veciños”.

O voceiro do BNG en Alfoz di que “igual e negativamente afecta que o río Ouro e os seus afluentes ao seu paso por Alfoz non teñan a súa canle limpa e adecentada para que a auga siga o seu curso con normalidade. Consideramos que o equipo de goberno se debe preocupar máis polo que acontece no concello e ser máis responsable á hora de defender os intereses de todos os veciños”.

Exit mobile version