NOTA DE PRENSA:
Viveiro acolle o Xoves 13 unha manifestación contra a crise
O BNG chama a mobilizarse contra a crise
O Bloque Nacionalista Galego chama a todos os veciños da Mariña a participar da mobilización que contra a crise económica ten convocada a Confederación Intersindical Galega para o Xoves 13 de Novembro ás 19:30 coa saída do Local do CIG de Viveiro.
O Bloque Nacionalista Galego considera que a crise vai penalizar A Mariña moito máis que a outras comarcas galegas pola maior dependencia que a nosa zona ten do sector da construcción residencial para a segunda vivenda. Neste sentido hai que ter en conta que os efectos do pinchazo da burbulla inmobiliario non vai afectar en exclusiva as empresas do sector ou as empresas constructoras, senón que onde vai golpear con máis dureza e nas pequenas empresas e nos autónomos cuxa actividade estaba moi ligada ao sector da construcción. Se ben o groso da crise aínda non chegou a comarca, debemos ter en conta que os períodos económicos, tanto positivos como negativos, chegan máis tarde as zonas menos desenvolvidas, a día de hoxe xa se observa un importante aumento do desemprego no sector así como unha forte paralización da actividade e das vendas.
Os nacionalistas somos conscientes que non estamos diante dunha crise de carácter conxuntural, que non afecta só a diversos sectores da actividade económica, senón dunha crise sistémica que golpea ao conxunto da actividade económica a nivel internacional, pero cunhas características propias no conxunto do Estado Español polos características do seu modelo de crecemento baseado no ladrillo, no consumo interno incentivado por unha política de tipos baixos e na precariedade laboral. A espera de que o peor da crise está por chegar, a esta altura na Mariña a final de 2008 a maioría dos indicadores económicos están cruzando a liña vermella, nomeadamente os que teñen haber co desemprego, a perda do poder adquisitivo e a falla de liquidez.
Os nacionalistas consideramos que é necesario ser quen de articular unha maioría social que permita unha xestión da crise que non penaliza ao noso tecido productivo e as clases traballadoras. A folla de rota do grande capital, executada polas súas comparsas o PP e do PSOE, vai na dirección de transferirlle a situación de dificultade e o custo da mesma as maiorías sociais. Mudar o rumbo deste proceso vai depender da capacidade de presión que sexamos quen de facer aqueles que aspiramos a outro sistema distinto.
Xa por último queremos denunciar a ineficacia das medidas tomadas polo Goberno. Ineficaces para manter o emprego,ineficaces para a clase traballadora, ineficaces para os autónomos e tamén para as Pemes. O decorrer da conxuntura económica evidencia que estas medidas só ían na perspectiva de salvar a grande banca.