Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao PP dun “intento especulativo e de destrución do patrimonio na Atalaia”

NOTA DE PRENSA:

O BNG ACUSA AO PP DE PERPETRAR “UN INTENTO ESPECULATIVO E DE DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO” NO XACEMENTO DE PUNTA ATALAIA

O deputado Xosé Ramón Paz Antón defendeu a posición do BNG contraria a unha pnl do PP e acusounos de “querer botar as culpas aos que tentan protexer o patrimonio”

Santiago de Compostela, 19 Novembro 08.- O BNG votou esta mañá en contra dunha proposición non de lei do PP sobre o xacemento de Punta Atalaia (Cervo).

O deputado nacionalista Xosé Ramón Paz Antón criticou duramente a actitude do deputado “popular” José Manuel Balseiro, ao que acusou de “ter moito rostro por intentar botar as culpas a quen tenta protexer o patrimonio e iso fanno as persoas culpábeis de vaciar o xacemento arqueolóxico”.

O portavoz de Cultura e Patrimonio do grupo parlamentar cualificou a Balseiro de “especialista na confusión” e explicou de xeito pormenorizado o sucedido en torno ao xacemento de punta Atalaia e ás obras autorizadas polo goberno local de Cervo nesta zona.

“É difícil de explicar por que o goberno local primeiro non aproba o estudo de detalle antes de abrir as dilixencias para a concesión de tres licenzas urbanísticas de edificios neste punto, posteriormente, ese estudo si se redacta e o que consigue é un voto desfavorábel”, explicou Paz Antón.

Malia a presenza de restos arqueolóxicos na zona, o goberno concedeu a licenza “cometendo erros de feito por non considerar a existencia do xacemento” cando, tal e como argumentou o parlamentar, “por forza tiñan que coñecer a súa existencia xa que existía documentación ao respecto desde o ano 1989 e existía un estudo informando sobre estes restos que se presentou para a elaboración do PXOM”.

O parlamentar do BNG cualificou de “irresponsábeis” aos dirixentes do goberno local por “conceder estas licenzas e, posteriormente, vaciar por completo o xacemento arqueolóxico para despois acusar á Consellaría de levantar as cautelas sobre esa parcela cando xa non queda nada”.

O portavoz de Cultura lembroulle tamén ao deputado do PP que a Fiscalía xa actuou este tema abrindo unha investigación por unha denuncia interposta sobre a actuación do concello.

Xosé Ramón Paz Antón perguntouse “cal é o papel do grupo popular aqui” e amosou a súa sorpresa pola súa petición de que se merque o xacemento, “o que pasa é que a especulación e o negocio da construción está en declive e agora queren que alguén merque os terreos”.

O deputado Manuel Parga tamén fixo uso da palabra durante uns segundos para respostar ás acusacións do deputado popular e acusar ao PP de perpetrar “un intento especulativo e de destrución do patrimonio”.

O parlamentar nacionalista da Mariña lucense retou ao PP a desautorizar publicamente ao seu portavoz e lembrou que “o único que está a defender son os intereses urbanísticos dos propietarios das parcelas, fronte ao interese público”.

Exit mobile version