Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo conta con unha nova paxina web do concello

RIBADEO .- O Concello de Ribadeo conta con unha nova paxina web en www.ribadeo.org . O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que a nova web “era unha asignatura pendente que tiñamos desde hai moito tempo coas novas tecnoloxías. Levabamos xa unha serie de meses traballando na concepción desta nova páxina que é absolutamente diferente á que desde hai 10 ou 11 anos estaba colgada en internet”.

Nota de Prensa

RIBADEO ESTREA PÁXINA WEB NA QUE OS CIDADÁNS ATOPARÁN INFORMACIÓN INSTITUCIONAL, DATOS SOBRE O TERRITORIO E SERÁ ADEMÁIS, EN PALABRAS DO ALCALDE, UNHA CANLE DIRECTA COS VECIÑOS.
Ribadeo, 26 de novembro de 2008. O salón de plenos acolleu esta mañá a presentación da nova páxina web do Concello de Ribadeo que segundo o alcalde, Fernando Suárez <era unha asignatura pendente que tiñamos desde hai moito tempo coas novas tecnoloxías. Levabamos xa unha serie de meses traballando na concepción desta nova páxina que é absolutamente diferente á que desde hai 10 ou 11 anos estaba colgada en internet>.
O rexedor asegurou que <a páxina é substituida desde unha perspectiva de modernidade, de axuda á cidadanía e coa intención de crear unha ventá ao mundo desde Ribadeo a través do ciberespacio. Aproveitamos o financiamento a través do programa Cidadanía Dixital, grazas ás aportacións da Consellería de Innovación e Industria e do Ministerio de Industria que supoñen o 70% do custe total da páxina web que ascende a 12.000 euros>. Fernando Suárez dixo que <perseguimos acadar un equilibrio, unha dualidade entre institución e oferta turística. Queremos lograr dous obxectivos: que sexa útil para a poboación e que serva coma carta de presentación para todos aqueles que ainda non coñecen Ribadeo ou que queren saber máis de nós. Así poderán acceder a toda esa información>.
Novidades multimedia
A páxina web www.ribadeo.org está dividida en tres grandes partes, segundo explica o rexedor, <unha primeira parte institucional na que os cidadáns poderán descargar as actas dos plenos, das comisións informativas, das comisións de goberno… poderán descargar o son dos plenos en formato mp3, vánse poder facer trámites por internet, algo que ata o de agora non era posible. A segunda parte da páxina está adicada ao coñecemento do territorio e dos seus recursos. Poden atoparse datos de historia, patrimonio natural, xeografía, economía, turismo, rutas e unha serie de cuestións multimedia con descarga de diversos servizos que ofrecerán un sistema novo de información turística móvil que dentro de pouco presentaremos. E a terceira parte ten vocación de ser unha canle de comunicación directa coa cidadanía. Aí poderán atopar información das liñas de traballo e das políticas levadas adiante desde o goberno e desde a Corporación Municipal e onde lles daremos visibilidade ás asociacións e aos colectivos do Concello>.
Tres idiomas
Suárez Barcia definía esta páxina web como innovadora <en canto a formato, en canto a logotipo do Concello. Preséntase en tres idiomas: galego e español para todos os contidos e tamén en inglés para os contidos estáticos da mesma. Seguramente lle quedarán algunhas erratas que iremos solventando ao longo dos vindeiros días e tamén queremos ser sensibles ás aportacións que os veciños nos poidan facer>.

Exit mobile version