RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que “días despois de que esta vivenda da rúa Antonio Otero, parte dela, se viñera abaixo e despois de indagar a propiedade do inmoble que resultou ser da propia moradora que habitaba nel aínda que nunhas circunstancias moi pouco axeitadas… eu como alcalde, e en uso da lexislación que nos ampara para adoptar as medidas pertinentes en materia de seguridade pública para evitar males maiores, din instrucións hoxe para que baixo a supervisión dos técnicos municipais se proceda a demoler parte dese inmoble”. O rexedor di que se trata “da cuberta que quedou en pé e parte da parede medianeira e da fachada para non se vaia caer con este tempo que temos e vaia estragar as vivendas que ten ao lado. Unha delas, a da parte de abaixo, é propiedade da Xunta que está en fase de licitación para rehabilitar e a da parte de arriba é unha vivenda perfectamente rehabilitada desde hai poucos meses e os seus propietarios non teñen porque estar preocupados”.
Fernando Suárez engade que “agora nestes días faremos as operacións pertinentes que os técnicos determinen de cara a estabilizar esta situación e logo o Concello terá que resarcirse destes gastos que lle está a ocasionar esta operación de cumprir coa seguridade pública. A propiedade deberá facer fronte a estes gastos en efectivo ou contra o seu patrimonio”.