Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo denuncia o abandono da estrada San Román-Rúa

Situación da estrada San Romá-Rúa

CERVO .- Alfonso Villares, alcalde de Cervo, insistiu en reivindicar o arranxo da estrada de titularidade provincial que discorre entre San Román de Vilaestrofe e Rúa. O primeiro edil cervense fixo esta nova reivindicación ao pé desta vía de comunicación que une estes dous núcleos co resto das parroquias do concello e tamén coas localidades veciñas de Burela e Valadouro. Na súa comparecencia pública o alcalde estivo acompañado dos concelleiros Antonio Basanta e Yolanda Pedreira; e dos alcaldes pedáneos de Rúa e San Román. Nela Villares lembrou que as obras de mellora desta estrada estaban incluídas dentro do Plan Operativo Local do ano 2005, e o actual bigoberno da Deputación retomounas en agosto pasado despois de telas paralizadas dende a súa chegada ao fronte do ente provincial. “Pero incomprensiblemente, despois de facer a explanación da estrada, volveron a paralizar os traballos e actualmente continúa ser unha carreteira intransitable” asegurou o alcalde.

Para o primeiro edil de Cervo, non é de recibo que a Deputación estea a enganar continuamente aos cervenses coa prolongación “inxustificada” desta obra tan necesaria para os habitantes dos núcleos rurais do termo municipal, os cales deben facer uso diario deste vial para desprazarse aos seus traballos e para comunicarse regularmente có resto da comarca. Por iso, dende o Concello de Cervo remitiuse novamente unha nova comunicación á Deputación solicitando a urxente reparación dos estragos desta estrada provincial “porque o seu estado é tan malo que resulta perigosa para o tráfico rodado”. Neste senso Villares salientou que o treito en cuestión está sen asfaltar e despois destes días de chuvias presenta un considerable número de fochancas que fan impracticable a circulación de vehículos. “Ademais” -asegurou o alcalde- “resulta que ao anchear o trazado orixinal da estrada, os postes do tendido eléctrico están no medio da calzada, có conseguinte perigo de colisión que isto supón”.

Por último, Villares sinalou que o Concello de Cervo continuará a reivindicar a reanudación desta obra continuamente paralizada. “O que non pode facer a Deputación é despreocuparse das súas responsabilidades e paralizar ao seu libre albedrío a mellora desta estrada que xa leva un considerable atraso, aínda que polo que se ve, iso non parece importarlles aos seus responsables e titulares desta estrada”.

Exit mobile version