Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela pide moderar o consumo de auga para non sobrecargar a depuradora

BURELA .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, di que as intensas chuvias que estes días caeron na comarca fixeron que tanto neste concello coma nos limítrofes a auga dos ríos arrastrase moito barro e moita terra “algo que chegou a tinguir toda a auga dunha cor marrón”. Llano sinala que “ocorreu algo parecido no encoro de Rúa do que se abastece Burela. Tiñamos os depósitos case ao 100% con auga limpa e aínda que durante a fin de semana incrementouse a turbiade bastante o que fixemos foi delimitar a cantidade de auga para filtrar, de forma que este líquido saíse dos depósitos nas mellores condicións posibles en canto a cor, sabor…”.

O rexedor burelés advirte que “si continúa a chover bastante é posible que esa turbiade persista e entón vainos chegar á ETAP nunhas condicións que fará que traballemos con pouca cantidade de auga por segundo. Entón recoméndolle aos veciños de Burela que moderen o seu consumo para que nos dea tempo a traballar e limpar ben a auga para que chegue en boas condicións aos fogares de Burela porque si se abusa moito do consumo poderíamos ter complicacións”.

Alfredo Llano asegura que a auga está controlada “cada dúas horas facemos controles e estamos constantemente vixiando para que non aconteza nada prexudicial para o seu consumo. Hai que agardar a que se normalice a situación dentro duns días”.

Exit mobile version