BARREIROS .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, asegura que “nunca tiven inconveniente en que se creara esa comisión de seguimento das obras da autovía, aínda que a formulación paréceme oportunista e extemporáneo. Nós apoiamos a creación desa comisión que estará presidida polo propio alcalde e da que forman parte os concelleiros de Obras e Medio Ambiente, Lorenzo Penabad e José Manuel Gómez Puente, o concelleiro do BNG, Xesús Díaz e os voceiros de PSOE e INDEBA respectivamente, Benito Longarela e Francisco Pérez”.
O rexedor engade que “xa convocamos para o xoves a primeira xuntanza para constituír a comisión e despois establecer o calendario das conversas que manteremos coas asociacións de veciños para ver todos os problemas que puideron xurdir con estas obras da A-8. Hoxe no pleno xa lles expliquei aos membros da oposición todos os traballos que fixemos desde o Concello no seguimento destas obras e para xoves todo ese traballo se porá a disposición da comisión. Non hai ningún problema en todo o que queira colaborar a oposición neste sentido e nós seguiremos a traballar nesa liña”.
Alfonso Fuente Parga asegura que “non teño nada que ocultar, senón todo o contrario, quero que quede todo ben para os veciños. Eu xa lles dixen cal é a postura de Fomento e o que está a pasar. Todo o que son traballos na obra non hai inconvenientes, e todos os que son fora da obra pois están a poñer trabas. Polo tanto esa comisión traballará nese sentido e ao final emitirá un ditame indicando si se conseguiu algo ou non”.