RIBADEO .- O Mercado de Nadal de Ribadeo celebrárase do 5 e 8 de decembro, no Parque San Francisco, organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración coa Sociedade de Desenvolvemento Comarcal de Galicia, a Dirección Xeral de Turismo e a Fundación Comarcal da Mariña Oriental. O alcalde, Fernando Suárez, quere que “Ribadeo sexa centro de atención comercial e de atracción para toda a xente non só desta comarca senón de todos os que nos visitarán aproveitando esta longa ponte do mes de decembro na que moitos virán pasar unhas mini vacacións”.
Como tódolos anos o mercado terá lugar baixo unha carpa, que acollerá diferentes tipos de artesanía así como outras actividades que animarán Ribadeo nesta ponte. Os horarios de apertura serán das 11h as 14h polas mañás e de 17h a 21h polas tardes. O rexedor engade que “o obxectivo principal deste Mercado é a promoción e a posta en valor da artesanía ademais da dinamización socioeconómica de Ribadeo a través da afluencia de público procedente dos arredores e doutros lugares”.
A presente edición acollerá 32 actividades artesanais, que na súa meirande parte proceden de Asturias e Galicia, recollendo así a artesanía típica de ambas comunidades. Os stands cedidos gratuitamente aos artesáns comprenderán diversos oficios, tanto produtos alimenticios coma manufacturados, pero cun elemento en común “ o arte de feito a man”: doces, embutidos, mel, coiro , xoias, papel, prata, acibeche, madeira son algúns dos oficios que eses días poderán verse na carpa situada no Parque San Francisco.
Suárez Barcia sinala que “a celebración do mercado de Nadal, virá acompañada como cada ano de actividades de animación para todo o público desde os máis pequenos ata os máis maiores, durante estos días temos prevista a celebración de diferentes obradoiros de artesanía como ún de realización de tortas de millo, e outros de construción de xoguetes tradicionais. E a exposición que nos acompañará nesta edición será sobre xoguetes tradicionais, coa que poderemos comprobar que a diversión non só é cuestión de cartos, senón tamén froito da imaxinación e do bo facer. Contaremos tamén con outros espectáculos de animación, teatro, contacontos e concertos, todos eles dirixidos a público familiar. No concertos participarán a Escola de Musica e Danza de Ribadeo e o Colexio Sagrado Corazón”.
O alcalde convida “aos veciños e veciñas de Ribadeo a participar neste Mercado de Nadal e tamén aos do resto da Mariña e do Occidente asturiano a participar nesta tradicional cita que se desenvolverá do 5 ao 8 de decembro”.