Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan en Barreiros os traballos da Comisión de Seguimento das Obras da A8

BARREIROS .- Sábado comenza en Celeiro de Mariñaos o traballo de campo que realizará a comisión de seguimento das obras da A-8 que se constituía na tarde de onte no Concello de Barreiros. Desde o BNG, Xesús Díaz, fai unha valoración “medio positiva, porque vimos unha boa disposición por parte dos grupos da oposición que fomos os que presentamos a moción para crear esta comisión e tamén por parte dalgúns membros do equipo de goberno coma os edís de Medio Ambiente e Obras que en todo momento se amosaron receptivos ás labores que imos realizar. Non así o alcalde que dentro do seu papel deixou bastantes funcións do traballo cos veciños nas mans do seu concelleiro de Obras, alegando que él non vai participar practicamente no traballo de campo”.

No encontro de onte, a comisión, segundo Xesús Díaz, acordou “enviar unha comunicación da súa creación ás empresas que traballan na autovía do Cantábrico e ao Ministerio de Fomento para que nos informen sobre calquera cambio de trazado ou calquera problema que poida xurdir con esta obra. E o máis importante para nós será o traballo de campo que imos realizar polas parroquias coas asociacións de veciños e que empezaremos mañá en Celeiro de Mariñaos. Son os veciños os que mellor saben onde están os problemas que xenera esta obra, como van as escorrentías de augas que puideron cambiar de curso ou as pistas de servizo que puideron cortar o acceso a demasiadas fincas… son problemas que hai que solucionar”. O edil nacionalista insiste en que “iremos de reunión cos veciños, primeiro nas parroquias afectadas polo tramo que está en obras que é o que vai de Barreiros a Vilamar para ver in situ os problemas de auga ou de accesibilidade que se poden estar propoñendo xa e despois será a quenda para as parroquias polas que xa discorre a autovía no tramo Reinante-Barreiros”.

Xesús Díaz engade que “a comisión enviará comunicacións a esas asociacións para que nos expoñan os seus problemas que iremos coñecendo nas visitas que realizaremos por todas as parroquias. O último xoves de cada mes a comisión reunirase para valorar o traballo que imos facendo… tentaremos dispoñer da opinión de técnicos para que nos boten unha man de cara á elaboración dun informe ou proxecto para despois trasladarllo a Fomento e ás empresas que traballan na autovía”.

Exit mobile version