Otero Regal
Érase unha vez unha terra ben fermosa, por certo, eu nacín nela fai xa máis de medio século, que se di axiña . Houbo un tempo naquel lugar encantado en que a lingua das vacas non tiña a cor do mar. Un tempo en que ese mar non era escenario das trabas entre pescadores veciños, administracións e a xente que baixaba á ribeira a buscar un bocado , polvos, lámparos, minchas, ourizos, uns farros, unhas maragotas…. Pescadores profesionais que gañaban un xornal suficiente para algo máis que pagar o combustible. Nese tempo os cidadáns eran iguais en dereitos, deberes. Os nenos xogaban na rúa sen medo a pederastas de permiso e os políticos -os que vivían na esquerda e na dereita da rúa- adicábanse a arranxar os problemas e non a maquealos.
Houbo un tempo, naquel lugar próximo, en que para quitar un bulto das costas non che daban hora en xuño do ano próximo. Un tempo no que os veciños podían durmir e os mozos divertirse ao mesmo tempo. A música en directo non estaba perseguida. Un tempo en que as fichaxes do equipo de fútbol da zona eran comprensibles. Mesmo, gobernantes e opositores eran capaces de entenderse polo ben común e os policías locais nunca eran atentos, educados e comprensibles. As xentes dese lugar podían mercar unha casa e non morrer antes de rematar de pagala. Máis aínda, a metade do seu soldo non marchaba correndo polas catro paredes do seu fogar e as xentes non sabían o que era iso do Euríbor.
Houbo un tempo en que os traballadores non soñaban con ser mileuristas -todo un privilexio-, en que as avoas non necesitaban estirar unha ridícula pensión e as estradas eran anchas, con bo firme e con curvas abertas e ademais chegaban a tódalas partes.
Un tempo en que o xornal non anunciaba dia si e dia tamén as continuas ilegalidades no eido do urbanismo que Tiros e Trianos permitían.
Un tempo no que os cines aínda existían no centro, os coches aparcaban sen problema e os discursos non contiñan mentiras. En verán facía sol e en inverno chovía. E en outono En outono camiñabamos sen présa sobre as follas secas.