BURELA .- O xefe provincial de Costas, José Miguel Esteban visitou hoxe as actuacións que o seu departamento está a realizar ou realizará en Burela. Nesa viaxe polos areais do municipio estivo acompañado polo alcalde, Alfredo Llano e polo concelleiro de Obras, Pascual Doménech.
Segundo o edil socialista “o estudio morfodinámico do mar deu un bo resultado na praia do Perdouro polo que en breve comezarase a redactar o proxecto das obras que alí se acometerán. Este asunto levarao a Madrid o vindeiro 11 de decembro”. Pascual Doménech explica que ieste proxecto “posibilitará que a praia teña un ancho desde a ribeira ata o mar de 25 metros, vaise construír un espigón de protección e realizarase a conexión co paseo do Cantiño”.
Esteban confirmoulle ó alcalde de Burela e ó edil de Obras que “xa está aprobada a redacción do proxecto de recuperación medio ambiental da praia da Marosa. Nun espazo duns 31.000 metros cadrados vaise crear un parque infantil, unha zona de ximnasia e un área recreativa, entre outras cousas. O xefe provincial de Costas tamén nos asegurou que a finais de 2009 estarán rematadas as obras que se van realizar na praia de Ril, onde se levantará un edificio de salvamento, socorrismo e servizos, construirase un aparcadoiro novo, haberá tamén un parque infantil e vaise lastrar todo ese tramo de estrada para que os coches que circulen pola zona reduzan a súa velocidade”.
Pascual Doménech engade que no caso das praias de O Portelo-O Cabaliño “tamén se construirá un edificio de socorrismo e salvamento. Neste caso o proxecto estáse para contratar. No Cabaliño vaise facer unha rosa dos ventos e alí está aprobada a demolición dunha nave e estase a estudar a posibilidade de crear un aparcadoiro para auto-caravanas. E tamén se está a arranxar o alumeado do paseo do Cantiño que levaba moito tempo sen funcionar por mor dunha avaría importante”.
O edil de Obras valorou de xeito moi positivo a visita realizada a Burela hoxe polo xefe provincial de Costas.