Site icon Crónica3.com A Mariña

Campaña para fomentar a compra de peixe e marisco en Burela

BURELA .- A concellaría de Mar de Burela presentou esta maña a nova campaña para fomentar o consumo de peixe fresco e marisco entre os consumidores. A iniciativa, segundo explicou a concelleira Remedios López Villar, consistirá no sorteo dunha cesta que levará produtos típicos que se venden no peirao de Burela, composta de peixe e marisco. Os clientes que merquen estes días nas pescaderías da vila recibirán unha papeleta para entrar no sorteo, que terá lugar o vindeiro 30 de decembro na casa consistorial. Tódalas pescaderías recibirán urnas, carteis e folletos para desenrolar a campaña, que conta coa colaboración da Consellería de Pesca e Asuntos Marinos.

A cesta, segundo explicou o presidente de ABSA, Angel Fernández Vézquez levará “pescada, rape, sanmartiño, centola, nécora… dependerá un pouco do peixe que chegue eses días á lonxa e que poderá variar un pouco. O prezo da cesta andará polos 1.000 euros”. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, destacou “a importancia de consumir peixe salvaxe e capturado pola flota artesanal” e o delegado provincial de Pesca, José Ramón Val, dixo que “aínda que se trata dunha campaña local feita en Burela, servirá para animar a consumir peixe da nosa costa a toda a poboación”.

En total editáronse 300 carteis e 2.000 papeletas para o sorteo nunha primeira quenda, aínda que está previsto aumentar esa cifra a 4.000 cara mediados de mes.

“Animamos a todo o pobo de Burela a que merque peixe de aquí nestas datas, porque é un produto que ten moitas vitaminas e proteínas, como magnesio, selenio ou iodo, que é fundamental para o desenrolo do cerebro. Os nenos teñen que consumir moito peixe”, dixo a concelleira de Mar, Remedios López Villar.

López Villar destacou ademais a importancia desta campaña para potenciar a venta de peixe nos establecementos da vila “nunhas datas onde o peixe debería ter un prezo alto e haber moitas encargas nas pescaderías, algo que non está a ser así”.

A campaña comezará o vindeiro luns e rematará o 30 de decembro co sorteo da cesta de peixe e marisco.

Exit mobile version