Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela organiza a 27 edición do Premio de Novela Longa “Blanco Amor”

BURELA .- O Concello de Burela organiza a 27 edición do premio de novela longa Blanco Amor que está patrocinado por 75 concellos galegos e considerado coma o máis importante para a narrativa galega. Ao premio que está dotado con 12.000 euros “poden concorrer autores de calquera nacionalidade coa particularidade de que está exento do IRPF polas súas características”, explicou a concelleira de Cultura de Burela, Neves Cando, no acto de presentación feito este mediodía no Concello.

A edil nacionalista lembrou que “o premio tivo unha influencia moi importante no desenvolvemento da narrativa galega e en xeral do sistema literario galego. A principios dos anos 80 a literatura galega contaba con novelas de extraordinaria calidade entre as que se atopan grandes clásicos como Castelao, Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor. Non obstante debido á difícil historia da literatura da nosa lingua o corpus da novela galega de longa extensión percibíase como relativamente escaso aínda cunha tendencia excesiva á brevidade na escrita imposta nas etapas anteriores por unha escasa potencia das empresas editoras galegas”. Neves Cando contou que “no ano 1981 a iniciativa do Concello de Redondela convocouse o primeiro premio Blanco Amor coa intención de contribuír ao desenvolvemento do xénero literario que se entendía coma o máis importante nunha literatura moderna polas súas expectativas de maior difusión. Isto de feito era o que sucedía e segue a suceder nas grandes literaturas do mundo e tamén na nosa agora, porque a novela é o xénero máis vendido e lido na actualidade”.

A concelleira de Cultura considera que “a importante dotación e repercusión social deste premio animou á escrita de grande número de novelas de extensión estándar, un número moito máis grande do que resultou premiado. Hai que ter en conta que na última edición se presentaron 30 novelas cun alto nivel en opinión do xurado. A primeira novela que conquistou o galardón foi A vida asolagada de Daniel Cortezón que tivo un éxito discreto, pero a segunda O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes foi unha novela extensa porque nunca antes se escribirá unha tan longa en galego e ainda hoxe non foi superada… tivo un grande éxito. Despois o premio foise consolidando con obras como Beiramar de Xosé Manuel Martínez Oca ou Xa vai o Grifón no vento de Alfredo Conde. Actualmente xa van 26 edicións que contaron con autores xa consagrados e con autores menos consagrados pero que xa están presentes na nosa literatura. É o caso de Inma López Silva, autora moi nova que ten xa unha longa carreira literaria con obras narrativas como Concubinas ou Non quero ser Doris Day”.

Os traballos que se presenten a esta 27 edición do premio Blanco Amor terán que dirixirse á Casa da Cultura de Burela antes do 30 de decembro. O xurado composto por cinco persoas emitirá o seu ditame no mes de marzo de 2009 e en abril o Concello acollerá o acto de entrega deste importante galardón.

Exit mobile version