BURELA .- A Delegación de Obras e Servizos rematou, e pon a disposición dos potenciais usuarios, dúas zonas adaptadas para o exercicio ximnástico dos maiores e persoas de mediana idade do Concello de Burela. Situadas nas rúas Pardo Bazán e Rosalía de Castro, están dotadas con once aparatos que se caracterizan pola súa variedade de exercicio, todos con instrucións de uso, como andador elíptico, prato de rotación, trotador, aparato de dorsais. Segundo explica o responsable de Obras, Pascual Doménech “neses aparatos se poden exercitar varias partes do corpo reportando así beneficios para a saúde: fortalecemento das funcións cardíacas e pulmonares, mobilidade de membros superiores e inferiores, relaxación da musculatura das costas, coordinación e equilibrio ou flexibilidade das articulacións”.
O edil socialista sinala que “a posta en marcha destes dous parques responde á necesidade de cubrir determinados aspectos de saúde dos nosos maiores, como a realización de actividades de mantemento e rehabilitación, a axuda da mellora física e ao seu benestar. Así mesmo, é un complemento a outro tipo de instalacións, polas dificultades que teñen estas persoas para o seu acceso. Todas as instalacións cumpren a normativa sobre espazos de ocio e entretemento, e é importante subliñar o estrito cumprimento das normas específicas das que constan os carteis informativos instalados en cada parque”