BURELA .- O salón de plenos do Concello de Burela acollerá o mércores as primeiras xornadas sobre inmigración denominadas “A realidade inmigratoria na provincia de Lugo” que se enmarcan dentro do programa de atención a inmigrantes que ven desenvolvendo a Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Burela.
Segundo explicou Neves Cando “o obxectivo é poñer en contacto aos distintos técnicos e técnicas de inmigración que traballan neste ámbito na provincia de Lugo. Trátase de establecer un foro de debate e intercambio de experiencias entre o persoal técnico que aborda a problemática xeral e particular en cada caso da inmigración en distintos concellos da provincia de Lugo”. A edil nacionalista engadiu que “estes técnicos soen coincidir en xuntanzas que convocan institucións superiores para coordinar o seu traballo, pero vímonos na necesidade de reunilos para que nun ambiente máis específico intercambien experiencias e diversidade de problemáticas para que se estableza unha canle máis estreita de contacto e colaboración entre os concellos e entre os colectivos de inmigrantes aos que se está atendendo en toda a provincia de Lugo”.
A xornada dará comenzo ás 9:30 da mañá coa entrega da documentación, ás 10:00 terá lugar a inauguración e ás 10:30 comenzará a primeira mesa redonda na que se abordará a integración dos inmigrantes na Mariña de Lugo na que participarán os técnicos dos Concellos de Viveiro, Ribadeo e Burela; ás 11:30 na segunda mesa de debate abordaráse tamén a integración dos colectivos de inmigrantes nas zonas centro e sur da provincia de Lugo. Situación que abordarán os técnicos dos Concellos de Sarria e Monforte de Lemos. E ás 13:00 haberá outra mesa na que os participantes analizarán as experiencias sobre as distintas casuísticas inmigratorias, as problemáticas máis concretas… A clausura do evento está prevista para as dúas da tarde.
Confirmaron a súa asistencia a esta primeira xornada sobre inmigración técnicos de Concellos coma Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Foz e a Cruz Vermella.