NOTA DE PRENSA
Os deputado popular denuncia atrasos de ata 15 días para obter cita co médico de familia ou para a prescrición de receitas
BALSEIRO LEVARÁ AO PARLAMENTO O COLAPSO NO CENTRO DE SAÚDE DE SAN CIPRIÁN
* A esta situación de prolongadas demoras contribúe o feito de que, nas pasadas datas, entrou en funcionamento un novo servizo centralizado de citas a través do teléfono. O PP ten constancia de que, en moitas ocasións, desde este teléfono, esixen aos veciña chamar máis tarde ou incluso en días posteriores, tempo durante o cal non obteñen a súa cita.
* O parlamentario cervense subliña a profesionalidade do cadro de persoal que traballa neste centro sanitario e insiste na necesidade de que o SERGAS poña os medios axeitados para dar solución a este colapso.
Cervo, 10 de novembro de 2008.- A situación de colapso que se está a producir no Centro de Saúde de San Ciprián será obxecto de debate no Parlamento de Galicia toda vez que o deputado autonómico do PPdeG, José Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha iniciativa interesándose polas causas que motivan esta situación, así como polas medidas que teñen previsto adoptarse para corrixila. Segundo os datos que manexa o parlamentario cervense, o centro de atención primaria de San Ciprián acumula atrasos que se teñen prolongado ata en 15 días para obter cita co médico de cabeceira e, incluso para a prescrición de receitas.
Balseiro Orol explica que a esta situación de colapso tamén contribúe o feito de que en pasadas datas entrou en funcionamento o novo servizo de citas telefónicas centralizadas. A partir de agora aquelas persoas que teñan que acudir á consulta do médico de cabeceira, a facerse curas ou a solicitar as súas receitas, teñen que chamar a un número de teléfono dunha oficina centralizada. O deputado popular ten constancia de que moitos veciños non obtiveron a súa cita pese a tela solicitado a través deste medio. “Dende a centraliña telefónica do SERGAS pedíanlles que chamaran máis tarde ou incluso, en días posteriores”.
O deputado popular subliña a gran profesionalidade do persoal que, de xeito habitual, traballa no Centro de Saúde de San Ciprián “pois non son eles os culpables desta situación de colapso, nin moito menos, senón a xestión que desde o SERGAS se está a realizar”. E por iso que “reclamamos que a Consellería de Sanidade, que dirixe a socialista Maria Jose Rubio Vidal, habilite os mecanismos axeitados para dar solución a este colapso”.