Nota de Prensa
Balseiro Orol anuncia que, nos 100 primeiros días, o próximo Goberno do PPdeG derrogará a lei aprobada hoxe e promoverá un novo texto, consensuado co sector
O PPdeG OBSERVA QUE O BIPARTITO DEIXA A PESCA GALEGA “Á BEIRA DA RUÍNA” E SE DESPIDE DO SECTOR CUNHA LEI CONTRARIA AOS INTERESES DOS TRABALLADORES DO MAR
• Considera intolerable que a nova lei sexa máis benevolente coa pesca de recreo que coa pesca profesional
• Coa nova Lei, a Xunta, que inicialmente se esqueceu do salvamento marítimo, deixa aberta a posibilidade de disolver as confrarías de pescadores
• O Grupo Popular considera que, despois de renunciar ao liderado acuícola de Galicia, tamén renuncia ao liderado do sector mexilloeiro coa nova lei
Santiago, 25 de novembro de 2008.- “A piques de cumpirse os catros anos do acceso do PSOE e do BNG ao Goberno de Galicia, vostedes deixan o sector pesqueiro galego á beira da ruína”, afirmou o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, no debate final da lei de Pesca de Galicia, aprobada hoxe polos socios do bipartito e co voto en contra do PPdeG.
O rexeitamento do PPdeG á nova lei xurde do convencemento de que se trata dunha norma contraria aos intereses dos traballadores galegos do mar, elaborada desde o sectarismo dun bipartito que rexeitou o ofrecemento do Grupo Popular para tratar de elaborar unha norma de consenso.
LEI ALTERNATIVA NOS 100 PRIMEIROS DÍAS DO GOBERNO DE FEIJÓO
Balseiro Orol anunciou que o próximo Goberno do PPdeG, nos seus 100 primeiros días de xestión, derrogará a lei de pesca aprobada hoxe e remitirá ao Parlamento un texto alternativo, xa consensuado co sector, a través do Consello Galego de Pesca e da Federación de Confrarías de Pescadores de Galicia.
Fronte ao “texto de partido e pouco integrador” promovido pola actual Xunta, Balseiro recordou que a anterior lei de Pesca, de 1993, foi aprobada por unanimidade logo do consenso buscado polo anterior Executivo do PPdeG.
As eivas da nova lei de Pesca obedecen non só á negativa do Goberno a ter en conta as propostas do PPdeG, senón tamén á decisión de ignorar as formuladas polo propio sector. De feito, como recordou Balseiro, o Consello Galego de Pesca –no que están representados confrarías, sindicatos, armadores e mexilloeiros, entre outros colectivos- votou en contra do proxecto de lei remitido pola Xunta. O texto tamén foi cuestionado no informe elaborado polo Consello Económico e Social. Fronte a ese rexeitamento, o PPdeG chegou a elaborar unha proposición de lei propia, consensuada coa Federación Galega de Confrarías, pero rexeitada no Parlamento cos votos contrarios de PSOE e BNG.
Para Balseiro, o texto normativo elaborado pola Xunta “non da a talla”, provoca unha grave inseguridade xurídica para os administrados e caracterízase por un excesivo intervencionismo.
A xuízo do deputado popular, a nova lei de Pesca deixa en evidencia a “intolerable desconfianza do bipartito fronte a formas de organización do sector pesqueiro”, cun Goberno que “non acepta a autonomía dos pósitos e quere unhas confrarías sumisas e controladas”. Tanto é así, que con esta Lei, a Xunta abre a porta á posibilidade de disolver as confrarías.
Na súa intervención, Balseiro reiterou que PPdeG é partidario da autosuficiencia económica das confrarías, pero apuntou que mentres iso non suceda, a Xunta debería ofrecerlles o apoio que precisan, “un apoio que esta lei non ofrece, que incluso esquece”. Para superar esta eiva, o deputado popular anunciou a presentación dunha emenda aos Orzamentos da Xunta de 2009 para habilitar unha achega de 500.000 euros para as federacións galega e provinciais de confrarías co obxecto de contribuír ao funcionamento destas entidades. Simultaneamente, outra emenda propón unha partida de 300.000 euros para completar a informatización destas federacións.
Balseiro aproveitou a presenza, na tribuna de convidados do Parlamento, de diferentes representantes das confrarías galegas, para animar a PSOE e a BNG a aclarar se van aceptar ou non as emendas do PPdeG ara apoiar economicamente o funcionamento das confrarías, toda vez que rexeitaron as emendas encamiñadas a outorgar respaldo legal aos pósitos.
ESQUECEMENTO NO TEXTO INICIAL
As carencias da lei de Pesca aprobada hoxe non rematan aí. O voceiro popular enumerou outras eivas, como o feito de que a propia Consellería de Pesca se tivese esquecido, na primeira versión do texto, de regular as tarefas de vixilancia e inspección pesqueira e salvamento marítimo. A “chapuza” foi remediada mediante unha emenda inducida polo propio Goberno, pero aínda así este ámbito queda regulado con moitas carencias.
Cuestiona tamén o PPdeG o tratamento normativo que reciben as autorizacións marisqueiras, cuia titularidade corresponde ata o de agora ás confrarías, e que se ofertarán mediante concurso público, sen explicitar os criterios que deberán terse en conta nese procedemento.
Nesta mesma liña, Balseiro reprochou ao bipartito que, do mesmo xeito que xa acabou co liderado de Galicia en materia de acuicultura, aboque agora aos mexilloeiros ao mesmo camiño, como consecuencia da nova regulación en materia de concesións sobre bateas e outros medios de cultivo.
“Perderon unha oportunidade única porque este proxecto de lei non atende á realidade da acuicultura Galicia e non garante o futuro do sector mexilloeiro; nin fomenta unha verdadeira política industrial para a transformación e comercialización”, afirmou Balseiro, que considera intolerable que a norma sexa máis benevolente coa pesca de recreo que coa profesional.
O PEOR GOBERNO PARA A PESCA GALEGA
“A nova lei que o bipartito presenta hoxe é a plasmación por escrito dun fracaso: os catro anos perdidos para o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de Galicia”, agregou deputado popular, que cualificou ao Executivo de Touriño como un “Goberno esgotado e sen ideas, o peor para o sector pesqueiro da historia de Galicia”.