SANTIAGO .- A Consellería de Vivenda e Solo aprobou as listas definitiva de adxudicatarios e suplentes para un total de 34 vivendas vivendas protexidas de promoción pública (VPP) situadas no concello de Mondoñedo e en Riocobo, no concello de Cervo. As listas permanecerán en exposición pública desde mañá durante un mes na delegación provincial da Consellería en Lugo e nos concellos de Mondoñedo e Cervo para a presentación de posibles alegacións.
Unha vez resoltas as alegacións que se puideran presentar, a Consellería aprobará a lista definitiva firme de adxudicatarios e inmediatamente procederá á entrega destas vivendas.
A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, investiu 1.271.336 € na construción das 19 vivendas construídas no Concello de Mondoñedo. Do total, 4 vivendas dispoñen de catro dormitorios e teñen unha superficie útil de 90 metros cadrados, outras 14 vivendas teñen tres dormitorios e contan con 84,40 metros cadrados útiles e, por último, 1 vivenda conta con dous dormitorios e unha superficie de 70 metros cadrados. Todas teñen garaxe e rocho.
A Consellería de Vivenda e Solo investiu 1.050.000 € na construción das 15 vivendas construídas no Concello de Cervo, Riocobo. Son 15 vivendas unifamiliares acaroadas que contan con 3 dormitorios e unha superficie útil de 84,95 metros cadrados, ademais todas teñen garaxe e rocho.