A MARIÑA .- A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha manifestación para o xoves día 13, as sete e media da tarde, en Viveiro, que partirá dende o edificio dos sindicatos co lema “A crise, que a pague o capital”. Dende a CIG aseguran que “ante a gravidade da situación económica, e a certeza de que o peor está por chegar, temos que actuar” e sinalan que “non podemos permanecer como espectadores vendo como todo se agrava, vendo que utilizan os nosos cartos para tapar un burato para que todo siga igual”.
Nota de Prensa
A CIG CONVIDA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DO XOVES EN VIVEIRO
Dende a Confederación Intersindical Galega facemos un chamamento a toda a sociedade para que participe na manifestación que, co lema “ A crise, que a pague o capital” sairá o xoves 13 ás 19:30h. dende o edificio dos sindicatos de Viveiro.
Agora xa todo o mundo recoñece que a crise ten un culpábel, que non é outro que o propio sistema neoliberal; que o responsábel non é a “avaricia desmedida duns banqueiros”, senón un sistema inxusto e desregulado. Pero ese sistema contou no noso país coa conivencia duns gobernos, tanto populares coma socialistas, que aplicaron por igual as receitas do neoliberalismo.
Ante a gravidade da situación económica, e a certeza de que o peor está por chegar, temos que actuar. Non podemos permanecer como espectadores vendo como todo se agrava, vendo que utilizan os nosos cartos para tapar un burato para que todo siga igual.
É necesario que nos fagamos escoitar, facerlle chegar aos gobernos unha mensaxe clara: O PROBLEMA É O SISTEMA, e a solución non virá da man de medidas continuistas. Debemos esixir que as medidas que se tomen vaian no sentido do cambio do sistema económico, no apoio á economía real. Do contrario seguiremos asistindo á creación de burbullas especulativas que rematarán tarde ou cedo en novas crises.
Debemos esixir que o endebedamento dos Estados non vaia exclusivamente á achega de recursos ao sector financeiro. E que estas achegas leven sempre aparelladas contrapartidas, regulacións e controis, e que todo isto se faga dun xeito transparente.
Propoñemos, para reactivar a economía, aumentar a inversión pública en servizos sociais, infraestruturas, medio ambiente e investigación; a creación dunha banca pública e a reforma das caixas de aforro; e outras medidas fiscais, sociais económicas e industriais que fagan posíbel que esta crise do modelo neoliberal se salde de xeito favorábel para a clase traballadora.
Non podemos permitir que esta crise, como as anteriores, a acabemos pagando os de sempre… A CRISE, QUE A PAGUE O CAPITAL!!!