Site icon Crónica3.com A Mariña

Vivenda rehabilita edificios para pisos protexidos en Ribadeo, Lourenzá e Viveiro

A MARIÑA .- A Consellería de Vivenda e Solo licita por 484.649 euros a contratación das obras de rehabilitación de dous edificios nos concellos de Ribadeo e Lourenzá para adecualos a albergar vivendas protexidas. As vivendas estarán destinadas a aluguer para mozos menores de 35 anos. Vivenda tamén rehabilita en Viveiro outro edificio no que inviste de 385.790 euros.
O pasado mes de febreiro a Consellería de Vivenda adxudicou as obras doutros dous edificios en Vilanova de Lourenzá por 140.062 euros.

NOTA DE PRENSA

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO LICITA POR 484.649 € AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DE DOUS EDIFICIOS EN RIBADEO E LOURENZÁ QUE ALBERGARÁ VIVENDAS PROTEXIDAS EN ALUGUER PARA MOZOS

* As empresas interesadas teñen de prazo ata o 20 de outubro para presentar as súas propostas. O prazo máximo de execución das obras é de 12 e 18 meses
* A Consellería rehabilita outros 9 edificios na provincia de Lugo, nos concellos de Viveiro, Chantada e Lourenzá

Santiago de Compostela, 10 outubro 2008.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, licita por 484.649 € a contratación das obras de rehabilitación de dous edificios nos Concello de Ribadeo e Lourenzá, que albergarán vivendas protexidas en aluguer para mozos menores de 35 anos. Os traballos deberán ser executados nun prazo máximo de 12 e 18 meses respectivamente.

As empresas interesadas poden consultar os pregos de bases, que conteñen toda a documentación administrativa e técnica, nas oficinas de Xestur Lugo -sociedade pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo- situadas na Praza de Santo Domingo nº 6, 5º andar e na páxina web www.xesturlugo.com. As propostas poden presentarse en Xestur Lugo desde hoxe ata as 14:00 horas do 20 de outubro.

Na puntuación das ofertas presentadas, a Consellería de Vivenda e Solo valorará a proposta técnica para a execución dos traballos, que incluirá os materiais a empregar e  os medios materiais e humanos previstos para a execución da obra. Tamén valorará a experiencia das empresas en obras de similares características, o Plan de control de calidade e melloras propostas, ademais da oferta económica e prazo de execución.

A Consellería ten previsto un investimento de 160.138 € na rehabilitación do inmoble de Ribadeo -situado na rúa Antonio Otero nº 33- que conta con planta baixa, un andar e baixo cuberta. Este edificio albergará dúas vivendas cunha superficie útil de 57,45 e 54,47 metros cadrados e un dormitorio cada unha. A Consellería investiu 132.523 € na súa adquisición.

Respecto ao inmoble de Lourenzá, o investimento previsto para a súa rehabilitación é de 324.577 €. Este edificio –situado na rúa Avelino Montero Villegas nº 25- conta con planta baixa e tres andares. Albergará dúas vivendas cunha superficie útil de 68,40 e 89,75 metros cadrados e dous dormitorios cada unha. Ademais, neste caso a planta baixa albergará un local comercial de 32,35 metros cadrados. A Consellería investiu 22.087 € na adquisición deste inmoble.

Estas vivendas serán adxudicadas en réxime de aluguer a mozos menores de 35 anos cuns ingresos ponderados que non superen 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, é dicir 24.500 € anuais. A Consellería de Vivenda e Solo ten como un dos seus obxectivos crear un parque de vivenda protexida pública suficiente e permanente para por a disposición das rendas con máis dificultades.

Outros 9 edificios na provincia

A Consellería de Vivenda e Solo está a levar a cabo a rehabilitación doutros 9 edificios na provincia de Lugo, que albergarán vivendas protexidas en réxime de aluguer preferentemente para mozos menores de 35 anos. A Consellería investiu 1.100.504 € na adquisición destes 11 edificios na provincia de Lugo.

O pasado mes de febreiro a Consellería adxudicou as obras doutros dous edificios tamén en Vilanova de Lourenzá por 140.062 € e dous inmobles en Chantada por 876.955 €. En Viveiro a Consellería está a rehabilitar outro edificio por un importe de 385.790 € e en Monforte de Lemos o investimento para a recuperación doutro inmoble que está en obras ascende a 971.657 €. Outros dous edificios situados en Viveiro e un terceiro en Ribadeo están na actualidade en fase de redacción de proxectos.

Exit mobile version