RIBADEO .- Pesentáronse no Concello de Ribadeo as XVI Xornadas Mar por Medio que este ano se denominan Galiza e Portugal. A construcción dun espazo común de comunicación e cultura. Vánse celebrar do 17 ao 19 de outubro no Parador de Turismo. A edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “as xornadas analizarán en qué medida estes dous países no tema cultural, industrial e de comunicación poden manter unha relación fructífera para ambos”. Pola súa banda, o delegado provincial de Cultura, Xoan Xosé Molina, dixo que as xornadas son “unha mirada a Portugal para profundar nas relacións culturais”
NOTA DE PRENSA
UNHA EXPOSICIÓN E UN CONCERTO COMPLEMENTAN AS XORNADAS MAR POR MEDIO QUE SE CELEBRARÁN EN RIBADEO DO 17 AO 19 DE OUTUBRO.
Ribadeo, 1 de outubro de 2008. Hoxe presentáronse no Concello de Ribadeo as XVI Xornadas Mar por Medio que este ano se denominan Galiza e Portugal. A construcción dun espazo común de comunicación e cultura. Vánse celebrar do 17 ao 19 de outubro no Parador de Turismo, ainda que o acto inaugural será o 17 ás seis e media da tarde no Salón de Plenos do Concello.
A edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que <as xornadas analizarán en qué medida estes dous países no tema cultural, industrial e de comunicación poden manter unha relación fructífera para ambos. Somos dúas comunidades que estamos moi preto, pero que temos unha cultura diferente. Hai moitas cousas que nos unen e tamén que nos diferencian. Trátase polo tanto de analizar estes vínculos que nos poden unir e sobre todo que nos poden favorecer e que podemos aportar uns e outros>. A concelleira nacionalista destaca que as xornadas son gratuitas e que para participar só hai que inscribirse na páxina web www.marpormedio.com e engade que <estarán completadas cunha exposición na oficina de turismo que se chama Grande-pequeno. Galiñas, miserias e cabezudos. Imos facer partícipes aos máis pequenos que poderán visitala de xeito guiado e cunha pequena actuación de contacontos e títeres para tentar comprendela mellor. A idea é que Mar por Medio deixe unha pegada en Ribadeo e que poidan ver esa exposición todos os que non se inscriban nas xornadas. Ademáis haberá tamén un concerto de música portuguesa o 18 de outubro no Auditorio Hernán Naval, tamén dirixido a todos os que queiran disfrutar de algo un pouco diferente. Será ás oito e media da tarde>.
Pola súa banda, o delegado provincial de Cultura, Xoan Xosé Molina, dixo que as xornadas son <unha mirada a Portugal para profundar nas relacións culturais entre Galiza e Portugal> e destacou a labor cultural de <16 anos conectados co exterior desde Ribadeo. Este Concello foi precursor dunha inquietude que está moi de actualidade que é dar a coñecer a nosa realidade, o nos país, a nosa cultura. Hai que destacar que se está avanzando en iniciativas de comunicación económica entre Portugal e Galiza, pero tamén é interesante que se estableza unha comunicación cultural máis intensa>. Molina lembrou que ambos países <procedemos do mesmo tronco. Somos parte dunha cultura universal, coincidimos no idioma, en conceptos coma o da saudade… e temos unha historia común ata o século XII. Son moitos os argumentos a favor de aproveitar esta oportunidade para coñecer ao noso país veciño e irmán>.