BURELA .- O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza en Burela o obradoiro de sexualidade Tuppersex o día 10 de novembro. A iniciativa trata de “favorecer desde unha perspectiva lúdica e formativa o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén” e de dar a coñecer “os diferentes xoguetes sexuais que existen no mercado mostrando as posibilidades do seu uso erótico”. As persoas interesadas, maiores de 18 anos, poden inscribirse e informarse chamando o teléfono do Observatorio 663617406 ou ben enviando un correo a observatorioigualdade@gmail.com antes do xoves, día 9. Na organización colabora a delegación de Igualdade do Concello de Burela.
Nota de Prensa
Ábrese o prazo de inscrición ao obradoiro de sexualidade TUPPERSEX que terá lugar en Burela o vindeiro día 10
A actividade está organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade coa colaboración da Delegación de Igualdade do Concello de Burela
Todas as mulleres e homes maiores de 18 anos poden reservar xa a súa praza para participar o vindeiro venres 10 de outubro, a partir das 20.30 horas, no obradoiro de sexualidade TUPPERSEX, que terá lugar na Casa do Mar de Burela. Para iso, simplemente deben chamar ao teléfono do Observatorio 663617406 ou ben enviar un correo electrónico a observatorioigualdade@gmail.com antes do xoves 9.
A actividade, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade coa colaboración da Delegación de Igualdade do Concello de Burela, será impartido por Natalia Domínguez, membra da asociación e tenda erótica Los Placeres de Lola.
O principal obxectivo do obradoiro TUPPERSEX é favorecer desde unha perspectiva lúdica e formativa o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres como homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.
O outro propósito do TUPPERSEX é presentar os diferentes xoguetes sexuais que existen no mercado mostrando as posibilidades do seu uso erótico, para que as persoas que o desexen poidan mercalos. En efecto, o TUPPERSEX debe o seu nome a esta segunda finalidade, xa que ten a súa orixe nas chamadas demostracións de ‘Tupperware’ tan comúns nas décadas pasadas, nas que varias persoas se reunían para apreciar a versatilidade e funcionalidade dun determinado produto, tendo posteriormente opción a mercalo. Los Placeres de Lola leva anos organizando ou participando en obradoiros de sexualidade TUPPERSEX, todos eles moi concorridos e de enorme éxito.