Site icon Crónica3.com A Mariña

Seminario sobre política forestal no centro comarcal da Mariña Central

A MARIÑA .- A drección xeral de Montes e Industrias Forestais e a sociedade para o desenvolvemento comarcal de Galicia organizan o sminario “As claves da política forestal actual” que trata sobre política forestal no centro comarcal da Mariña Central o 9 de outubro. Con esta iniciativa a consellería do Medio Rural pretende concienciar a sociedade galega da importancia da xestión integral, racional e sustentable do monte galego como vía para acadar unha explotación máis produtiva e para optimizar o seu aproveitamento.

Nota de Prensa

Santiago, 4 de outubro de 2008.- A Dirección Xeral de Montes e Industrias forestais e mais a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia – dependente da Consellería do Medio Rural – organizan o seminario “As claves da política forestal actual” que celebra o vindeiro 9 de outubro no Centro Comarcal da Mariña Central, en horario de 10:30 a 14:30 horas. A través desta iniciativa, Medio Rural pretende concienciar a sociedade galega da importancia dunha xestión integral, racional e sustentable do monte galego, co obxectivo de que sexa máis produtiva a súa explotación e que se reduza o número de incendios forestais.

“As claves da política forestal actual” está conformada por dous bloques temáticos. Na primeira parte explicarase a estruturación do territorio rural, no que destacan dúas ferramentas fundamentais que a Consellería está a impulsar para frear o abandono das terras e para optimizar o seu aproveitamento, como son o Banco de Terras de Galicia (Bantegal) e as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor).

Na segunda parte exporanse diversas actuacións para a mellora dos montes, que xirarán arredor de tres eixos: a prevención dos incendios forestais (lexislación, plans de prevención e defensa contra incendios, así como axudas para o caso dos montes veciñais en man común), a mellora dos recursos forestais (plantacións, tratamentos silvícolas, aproveitamento comercial e transformación dos produtos forestais) e mais a valorización integral e a promoción da multifuncionalidade do monte. Para desenvolver este último punto, exporanse as liñas de axudas así como exemplos de proxectos de valorización do monte como o aumento do coñecemento e a concienciación dos propietarios e xestores, o aumento do valor económico dos bosques e a promoción da diversificación das producións e a posta en valor dos usos públicos dos espazos forestais.

Este seminario está dirixido a propietarios particulares, a membros de comunidades de montes veciñais en man común, a silvicultores, a xestores de montes, a técnicos e traballadores de empresas e de servizos agroforestais e ao persoal da administración pública local e autonómica. A participación neste seminario é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas polo que todos aqueles que estean interesados deberanse inscribir canto antes no propio centro comarcal a través do teléfono 982 41 60 46, do fax 982 41 06 57, ou do correo electrónico cctlemos@comarcasdegalicia.com.

Despois da Mariña Central, este seminario vaise celebrar nos centros comarcais de Terra de Lemos (15 de outubro), da Mariña Occidental (22 de outubro), do Salnés (31 de outubro), de Valdeorras (4 de novembro), da Paradanta (7 de novembro) e de Terra de Trives (14 de novembro).

Exit mobile version