Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo organizará unha homenaxe a Calvo-Sotelo

Nota de Prensa
RIBADEO .- A xunta de voceiros do Concello de Ribadeo reunida hoxe, acordou por unanimidade realizar unha homenaxe popular ao ex presidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “de xeito unánime por parte dos grupos da Corporación estamos de acordo en realizar esa homenaxe que perfilamos nos contactos mantidos coa viúva de Calvo-Sotelo e con algúns dos seus fillos de cara ao primeiro cabodano do pasamento do ex presidente do Goberno”.

Estatua en Porcillán
O rexedor relata que “hai previsto para maio (ainda que sin concretar o día exacto) porque así o propoñía a familia e nós vímolo ben, o descubrimento dunha estatuta de corpo enteiro nun lugar simbólico do entorno de Porcillán dado que él era tamén Marqués da Ría de Ribadeo. Haberá que pedir os permisos e autorizacións pertinentes a Portos de Galicia. Para iso e por vontade tamén da familia queremos facer unha cuestación popular, unha aportación pública para que os veciños de Ribadeo que o coñeceron ou que o estimen convinte fagan donacións económicas para sufragar en todo ou en parte o que vai ser ese monumento”.

Medalla a título póstumo
Fernando Suárez engade que a Corporación tamén estima convinte “a concesión da medalla de Ribadeo a título póstumo (algo que temos no regulamento de honras e distincións aprobado no anterior mandato) a quen foi tamén alcalde honorario e fillo adoptivo de Ribadeo. E tamén se procederá a editar un libro-homenaxe sobre a relación que Calvo-Sotelo tivo con esta vila e viceversa”.
Ao alcalde gustaríalle quedarse “coa idea de unanimidade coa que se acordou levar a pleno estes actos para darlles un carácter formal e tamén co sentimento de que sexa unha homenaxe popular na que participará a Coral Polifónica de Ribadeo”.

Exit mobile version