Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo inaugura as Xornadas Mar por Medio

RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, presidiu esta tarde na Casa do Concello a inauguración das XVI Xornadas Mar por Medio, adicadas este ano ás relacións entre Galiza e Portugal. O rexedor dixo que “é evidente que compartimos con Portugal proximidades lingüísticas e potencialidades culturais, mais tamén o é que o descoñecemento da nosa realidade no país veciño é inmensa e dificulta calquera achegamento”.
O rexedor ribadense seguiu a dicir que “esta nova edición de Mar por Medio quere ser unha ferramenta útil na análise de en que medida o achegamento entre os nosos dous países é realmente posíbel no campo das industrias da cultura e da comunicación”.

No mesmo senso se expresou o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luis Bará que tamén sinalou que “Ribadeo é o lugar máis distante de Galiza con Portugal, pero está moi próximo por esa vocación que sempre tivo de cidade aberta, hospitalaria… esa vontade de establecer pontes de comunicación con diferentes lugares do mundo”.

As Xornadas Mar por Medio analizaron durante varios anos as relacións de Galiza co Reino Unido, en 2007 fixérono con América e neste 2008 con Portugal.

Para mañá sábado están previstas tres mesas redondas: ás 10 da mañá analizaranse as propostas para unha ponte informativa por riba da fronteira; ás 12:30 os relatores falarán da cultura e mercado entre Galiza e Portugal; ás 16:30 será o momento para asistir ás presentación de proxectos culturais e ás 18:30 de espazos de programación. Xa ás oito e media da tarde no Auditorio Hernán Naval terá lugar o concerto de Aló Irmao a cargo de Fran Pérez e Manecas Costa.

Xa o domingo ás 10 da mañá terá lugar a última das conferencias que versará sobre a programación cultural e a circulación artística entre Galiza e Portugal. Para as 12 está prevista a clausura a cargo da concelleira de Cultura de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, e ás doce e media terá lugar un vis a vis con axentes culturais de Portugal no que participarán 25 profesionais galegos.

As Xornadas Mar por Medio desenvólvense no Parador de Turismo de Ribadeo e nelas participar preto de 100 persoas.

Exit mobile version