Nota de Prensa
Ribadeo, 1 de outubro de 2008. Ribadeo está hoxe moi presente en Madrid no VI Encontro Gastronómico de Villas Marineras, ao que asisten turoperadores e xentes do turismo que <terán a oportunidade de degustar unha selección das especialidades gastronómicas dos mellores restauradores de País Vasco, Cantabria, Asturias e Galiza. En representación dos concellos galegos tócalle a Ribadeo este ano cociñar. Será o xefe de cociña do Parador de Turismo o que fará unha serie de receitas que tratan de transmitir o sabor da cociña de calidade ribadense, mariñana e galega e ao mesmo tempo haberá unha referencia aos eventos que facemos no noso concello>, asegura o alcalde, Fernando Suárez, que asiste en Madrid a este evento.
O alcalde lembra que os 17 concellos das costas cantábrica e atlántica que forman parte de Villas Marineras teñen en común <o clima, a gastronomía, a paisaxe e un producto turístico que se quere vender ligado ao mar, e ao mesmo tempo contan todas estas vilas cunha forte personalidade propia. Eu desde Ribadeo quero que o noso concello sexa redescuberto por moitos turistas de calidade e así o estamos intentando con iniciativas coma a do tren de FEVE e coa asistencia a este tipo de actos>.