Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo demanda axuda á Xunta para mellorar o abastecemento de auga

RIBADEO .- No encontro que mantivo esta mañá en Santiago o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, este expúxolle “a situación un tanto preocupante da rede de abastecemento de auga. O abastecemento principal ao que é a vila de Ribadeo e a unha parte importante do Concello ven desde Vilarbetote en Trabada e discorre por unha liña de 22 quilómetros que ten máis de 33 anos e que se atopa bastante obsoleta”. O rexedor di que “dá problemas de roturas cada pouco aínda que os veciños case nunca se enteran. A empresa concesionaria nos está a advertir que quizais un día poida haber unha rotura grande, e como a traída é moi vella e o depósito de acumulación de auga que está en Santa Cruz é ridículo para o que é a vila hoxe en día, pois non hai capacidade de almacenamento e quizais si se rompe a acometida principal Ribadeo puidera quedar sen auga en poucas horas, si a rotura é importante”.

Suárez Barcia asegura que “sabemos e somos conscientes de que non é unha cuestión que se poida resolver de hoxe para mañá, pero é algo que a Xunta, a Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia deben ter presente para poder aproveitar, por exemplo, fondos europeos para proceder por unha banda, a axudar a renovar o que é a acometida de captación de auga de 22 quilómetros de lonxitude entre os concellos de Trababa e Ribadeo e por outra banda, á construción dun novo depósito de auga que sirva para regular caudal e dar unha presión axeitada”. O alcalde engade que “diso saben moitas familias de parroquias coma Vilaframil ou Piñeira que ás veces teñen problemas de presión e son os primeiros en padecer a falta dun depósito que poida regular dita presión, sobre todo, no caso de que se produza unha continxencia”.

O rexedor ribadense considera que “o conselleiro foi receptivo a estas peticións que xa lle fixemos chegar noutras ocasións por outras vías e comprometeuse a estudalo seriamente e a darnos noticias dentro dun tempo, que nós agardamos que sexan positivas para os veciños de Ribadeo”.

Manuel Vázquez e Fernando Suárez falaron do abastecemento de auga de Ribadeo esta mañá en Santiago despois de asinaren un protocolo de colaboración para a adquisición dun camión destinado á recollida dos residuos sólidos urbanos.

Exit mobile version