RIBADEO .- A Concellaría da Muller a través do Centro de Información ás Mulleres e da Oficina de Inmigración volta a poñer en marcha esta iniciativa de cara a promover a conciliación da vida laboral e familiar. Segundo explica Luisa González “centrase na experimentación sobre a implantación da estratexia do BONO-AXUDA. A través deste sistema facilítase o pago dunha parte do cUste do servizo e o acceso a servizos de proximidade para o coidado de nenos/as”.
Os Bonos- Axuda xa se implementaron no ano 2005, e agora vólvese repetir esta iniciativa ante o incremento de nacementos e a demanda de persoas que non teñen familiares para deixar aos seus nenos ou non queren cargar as súas responsabilidades noutros membros da familia. Luisa González responsable do CIM asegura que a campaña “está dirixida a unha ampla capa da poboación que desexe incorporarse ao mercado de traballo ou co fin de contribuír á conciliación da vida laboral e familiar. Sufragarase o 50 % do custe do servizo, por exemplo se 1 hora vale 3€, o Concello fiárase cargo do pago de 1,50€, a metade. Se imos 3 horas, en vez da pagar 9€, pagaríamos 4,5€”.
A persoa que solicite este BONO-AXUDA terá que xustificar os motivos (ampliación de formación, traballo ou situacións de urxencia) e non debe sobrepasar determinados límites económicos ( 1500€ netos mensuais se ten un fillo/a e 1800€ netos con dous ou máis fillos. As interesadas deberán dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres ou á Oficina de Inmigración para solicitar ditos bonos que están implantados naquelas ludotecas que teñen todos os permisos e documentación en vigor.