NOTA DE PRENSA
O Partido Popular empraza á Xunta a explicar canta xente permanece á espera de que lles chamen dos servizos de admisión do centro hospitalario mariñán co obxecto de indicarlles a súa cita definitiva co especialista
OS POPULARES QUEREN COÑECER A “LISTA DE ESPERA ENCUBERTA” NAS CONSULTAS DO HOSPITAL DA COSTA
• Malia o exercicio de propaganda oficial, os datos estatísticos indican que, 16 das 22 especialidades aumentaron a súa demora con respecto a fai tres meses. Destacan os incrementos nas consultas de rehabilitación (+32 días), endocrinoloxía (+28 días), nefroloxía (+21 días), dermatoloxía (+18 días), medicina interna e oftalmoloxía (ambas +16 días), neuroloxía (+15 días)
• No que vai de lexislatura -e comparando as estatísticas oficias actuais coas do 2005-14 consultas externas experimentaron un incremento nas súas lista de espera. Cumpre especial atención os 61 días de incremento nas listas en dermatoloxía, os +53 días de cardioloxía ou os 38 días que hai que esperar de máis para acceder a oftalmoloxía con respecto a xuño de 2005.
A Mariña, 25 de outubro de 2008.- O Partido Popular de Galicia quere coñecer a lista de espera encuberta que existe para o acceso ás consultas dos especialistas no Hospital da Costa toda vez que teñen constatado a existencia dun número importante de persoas que se vén afectadas por unha práctica irregular pola cal permanecen “invisibles ás estatísticas oficiais”.
Os populares explicaron que teñen constancia de que moita xente está pendente de que os servizos de admisión do hospital contacten telefonicamente con eles para indicarlles a data final na que terá lugar a súa consulta. “E nesta situación de espera, poden permanecer varios meses sen que se contabilice a todos os enfermos pendentes”. Deste xeito a Xunta contén as cifras da lista de espera de consultas externas, ao tempo que evita que se dispare a lista cirúrxica, provocando un tapón que atrasa o diagnóstico final.
En opinión do PPdeG esta manipulación fai que os datos oficiais perdan toda credibilidade aos ollos dos pacientes e usuarios do hospital mariñán “que poden sentirse ninguneados e enganados pola Xunta, que maquilla a realidade para ocultar a magnitude real deste problema. E con isto, atrasa a posible solución”.
TRES ÚLTIMOS MESES: O 72% DAS ESPECIALIDADES AUMENTARON A SÚA DEMORA
En todo caso, os populares explican que, “pese ao alarde de optimismo e propaganda oficial” o certo é que tampouco os datos oficiais son tan positivos como pretenderon vendelos nos últimos días desde a xerencia do hospital. De feito, unha simple comparación das estatísticas que poden consultarse na páxina web do SERGAS pon de relevo que, nos últimos tres meses empeorou a lista de espera en 16 das 22 especialidades, isto é en máis do 72% delas aumentou o tempo de demora. Así por exemplo, dende xuño de 2008 a setembro de 2009 incrementouse en +32 días a lista de espera de rehabilitación, en +28 días a de endocrinoloxía, en +21 días a de nefroloxía, en +18 días a de dermatoloxía, en +16 días as de medicina interna e oftalmoloxía, 15 días máis teñen que esperar os pacientes de neuroloxía que respecto aos datos de xuño de 2008 e, finalmente, en 10 días empeorou a lista de espera de traumatoloxía e uroloxía. Tamén rexistran un empeoramento con respecto a fai tres meses as especialidades de alergoloxía (+3 días), cardioloxía (+1 días), dixestivo (+9 días), hematoloxía clínica (+2 días), neumoloxía (+5 días), pediatría (+4 días) e reumatoloxía (+8 días). Os devanditos datos ofrecen un empeoramento medio, na totalidade das especialidades de 8 días, con respecto ao tempo de espera previsto en xuño. De 71 días pasan a 79, catro días máis ca media do conxunto do SERGAS.
SERVIZOS | Tempo medio de espera XUÑO 2008 | Tempo medio de espera SETEMBRO 2008 | Diferencia espera media Tres últimos meses |
REHABILITACIÓN | 50 | 18 | + 32 |
ENDOCRINOLOXÍA | 43 | 71 | + 28 |
NEFROLOXÍA | 11 | 32 | + 21 |
DERMATOLOXÍA | 60 | 78 | + 18 |
MEDICINA INTERNA | 15 | 31 | + 16 |
OFTALMOLOXÍA | 116 | 132 | + 16 |
NEUROLOXÍA | 39 | 54 | + 15 |
TRAUMATOLOXÍA | 14 | 24 | +10 |
UROLOXÍA | 70 | 80 | +10 |
DIXESTIVO | 13 | 22 | +9 |
REUMATOLOXÍA | 57 | 65 | +8 |
NEUMOLOXÍA | 21 | 26 | +5 |
PEDIATRÍA | 24 | 28 | +4 |
ALERGOLOXÍA | 39 | 42 | +3 |
HEMATOLOXÍA CLÍNICA | 13 | 15 | +2 |
CARDIOLOXÍA | 87 | 88 | +1 |
Fonte: www.sergas.es (Estatísticas oficiais listas de espera)
13 ESPECIALIDADES EMPEORAN CON RESPECTO AO 2005
Para os populares resulta chamativo tamén que os datos de demora media sexan tamén negativos en 13 especialidades médicas no Hospital da Costa se os comparamos co 2005.
A piques de rematar a actual lexislatura, o saldo da xestión do bipartito na sanidade pública mariñá segue a ofrecer malos datos estatísticos. Segundo as cifras oficiais, preocupa os incrementos en máis de 53 días da espera media para cardioloxía -que pasa de 35 días en 2005 ata 88 días en setembro de 2008-. Situación similar acontece noutras especialidades como dermatoloxía (+61 días con respecto ao xuño de 2005), cardioloxía (+53 días) oftalmoloxía (+38 días) … Ver cadro anexo
SERVIZOS | Tempo medio de espera XUÑO 2005 | Tempo medio de espera SETEMBRO 2008 | Difrencia espera media 2007/2005 Htal da Costa |
DERMATOLOXÍA | 17 | 78 | +61 |
CARDIOLOXÍA | 35 | 88 | +53 |
OFTALMOLOXÍA | 94 | 132 | +38 |
UROLOXÍA | 47 | 80 | +33 |
NEFROLOXÍA | 10 | 32 | +22 |
REUMATOLOXÍA | 44 | 65 | +21 |
MEDICIÑA INTERNA | 12 | 31 | +19 |
ANESTESIOLOXÍA E REANIMACIÓN | 1 | 18 | +17 |
ENDOCRINOLOXÍA | 56 | 71 | +15 |
NEUROLOXÍA | 39 | 54 | +15 |
ALERGOLOXÍA | 30 | 42 | +12 |
PEDIATRIA | 21 | 28 | +7 |
DIXESTIVO | 16 | 22 | +6 |
Fonte: www.sergas.es (Estatísticas oficiais listas de espera)
OBXECTIVO PREFERENTE: AS ESPECIALIDADES MÁIS SATURADAS
En resume, a actual xerencia do SERGAS non está a xestionar de xeito correcto a problemática das listas de espera xa que, “parecen máis preocupados en agochar a magnitude real do problema que en solucionalo”. O PP mantén a necesidade de realizar un estudo minucioso dos datos e establecer aquelas medidas estratéxicas que contribúan a mellorar os tempos de espera naquelas especialidades máis saturadas. Neste senso, esixe un reforzo do persoal médico especialista e que se poña fin á práctica irregular de manter xente á espera de obter cita oficial como consecuencia do peche das axendas.