RIBADEO .- As praias de As Catedrais e Os Castros recibían estes días en Xixón a Q de calidade que lles concede o Instituto para a Calidade Turística Española, segundo daba a coñecer nesta xornada o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
O edil nacionalista asegura que “o Concello de Ribadeo implantou nas praias de As Catedrais e Castros un sistema de calidade e medio ambiente co fin de lograr a satisfacción de todos aqueles que nos visitan dotándoas duns servizos de calidade, seguridade e ornato. Sabemos que o litoral é un ben común e por eso queremos facer partícipes a todos os usuarios das praias así como a aqueles que realizan actividades nelas, como poden ser os empresarios de hostelería”.
Cupeiro engade que “a día de hoxe contamos coa certificación do sistema que nos foi entregado o xoves en Xixón, despois de pasar polas etapas de lanzamento, desenrolo, mellora continua e ao final a consolidación. Por tanto as nosas praias xa contan con regularidade coa bandeira azul e agora coa marca de calidade concedida polo Instituto para a Calidade Turística Española”.
O concelleiro de Medio Ambiente considera que “debemos desde o Concello seguir loitando para facer compatible o turismo coa protección do medio ambiente dentro da Rede Natura 2000, a través do LIC das Catedrais. Esperamos, si a crise nolo permite, levar a cabo o proxecto que estamos diseñando para facer deste entorno algo do que realmente nos sintamos orgullosos sin facer ningún dano ao monumento natural”.