Site icon Crónica3.com A Mariña

Presidencia detecta anomalias en O Celeiriño pero non aporta solucións

Roel e Méndez Romeu antes de visitar O Celeiriño

CELEIRO .- O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, visitou no concello de Viveiro o barrio celeirés de O Celeiriño, no que parte das vivendas están apuntaladas por temor a que se derruben a raiz do desplazamento de un muro. Méndez Romeu detectou “dous problemas distintos” e ningunha nova solución.
O titular de Presidencia apuntou á existencia de dous problemas distintos, o primeiro deles ten que ver cunha edificación que se estaba a facer onde as medidas de seguridade decretadas no seu día polo Concello “teñen producido un resultado insuficiente” por “razóns que no seu momento a xustiza terá que definir”. O segundo está relacionado co feito de que no Celeiriño, segundo dixo, existe unha “tipoloxía constructiva determinada”, con vivendas antigas, alicerces construídos “como se facía no seu momento”.
Tamén, o titular de Presidencia asegurou que no momento actual hai solucións axeitadas, de acordo cos afectados, para este período transitorio que se tentará que sexa o menor posible, e afirmou que cando se restaure a normalidade será en mellores condicións de habitabilidade das que tiñan ata agora: “En definitiva, o que imos facer é garantir por todos os medios que as familias afectadas recuperen canto antes a normalidade, e se non pode ser nas súas vivendas que teñan acceso a outra nas mellores condicións posibles e no entorno máis próximo”.

Fonte (Xunta, TvG)

A Xunta e o Concello de Viveiro avalían as posibles liñas de axuda para restaurar a normalidade no barrio do Celeiriño

Méndez Romeu visitou a localidade para recibir información de primeira man dos servizos técnicos municipais e para ver o alcance do problema sobre o terreo

O titular de Presidencia trasladará ao presidente da Xunta e ás consellerías afectadas unha primeira avaliación e unhas propostas de intervención na zona

Santiago, 13 de outubro de 2008.- A Xunta de Galicia e o Concello de Viveiro están a avaliar as posibles liñas de axuda para restaurar a normalidade no barrio do Celeiriño e para adecuar as vivendas, coa fin de resolver o problema no que están inmersas as familias afectadas polo derrube ocorrido nesta zona, segundo asegurou hoxe o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu.

O conselleiro -que se desprazou esta mañá ata o municipio mariñán onde se reuniu co seu alcalde, Melchor Roel- afirmou que trasladará ao presidente do Goberno autonómico e ás consellerías afectadas unha primeira avaliación e unhas propostas de intervención na zona. Explicou que na súa visita tivo a oportunidade de comprobar no Concello o estado dos informes e de recibir información de primeira man dos servizos técnicos municipais, e de ver sobre o terreo o alcance do problema e as posibles implicacións dende o punto de vista da intervención.

Neste sentido, indicou que se trata dunha situación “grave”, xa que un número elevado de familias tiveron que ser desaloxadas por risco de derrube inminente na súa vivenda habitual, con “probable declaración de ruína” da mesma e polo tanto diante dunha “intervención importante”.

O titular de Presidencia apuntou á existencia de dous problemas distintos, o primeiro deles ten que ver cunha edificación que se estaba a facer onde as medidas de seguridade decretadas no seu día polo Concello “teñen producido un resultado insuficiente” por “razóns que no seu momento a xustiza terá que definir”. O segundo está relacionado co feito de que no Celeiriño, segundo dixo, existe unha “tipoloxía constructiva determinada”, con vivendas antigas, alicerces construídos “como se facía no seu momento”, zonas de recheo, etc.

Avaliación de alternativas
“Teremos tamén que analizar ata que punto poden existir outras patoloxías non visibles inmediatamente que no entorno desta zona fagan necesaria unha intervención doutro tipo”, reflexionou Méndez Romeu. Preguntado polos medios de comunicación sobre a posibilidade de derrubar algúns edificios, respondeu que “aínda non se pode afirmar”, xa que hai unhas propostas que teñen que ser avaliadas e que indican o grao de deterioro das diferentes vivendas, algo que debe ser agora contrastado e estudiado dende o punto de vista das alternativas. “Non abonda con decidir que unha vivenda está en estado de ruína, senón que é necesario determinar cal é a alternativa nese lugar concreto para esa familia ou familias que aí vivían –declarou-. Esa fase é a que agora queremos ver co Concello”.

O titular de Presidencia asegurou que no momento actual hai solucións axeitadas, de acordo cos afectados, para este período transitorio que se tentará que sexa o menor posible, e afirmou que cando se restaure a normalidade será en mellores condicións de habitabilidade das que tiñan ata agora: “En definitiva, o que imos facer é garantir por todos os medios que as familias afectadas recuperen canto antes a normalidade, e se non pode ser nas súas vivendas que teñan acceso a outra nas mellores condicións posibles e no entorno máis próximo”.

Isto terá que estudiarse co Concello, coas consellerías afectadas e á vista do regulamento urbanístico de Viveiro, explicou, ao tempo que avogou por que se restaure a normalidade, que poida proseguir a obra e que as condicións de seguridade sexan “as óptimas para as persoas e para as edificacións”.

Exit mobile version